Sistema Cubano de Educación Superior

Música: Os Diplomáticos de Montealto - Gaiteiro
Unha das cousas que máis me está chamando a atención sobre Cuba é o seu sistema de educación superior. É moi moi diferente ó Europeo en case todos os aspectos.O proceso de acceso á Universidade faise a través dunha selección por expediente e unha proba semellante á Selectividade, a partir da cal se seleccionan os estudantes que irán á Universidade. Existen varias Universidades en todo Cuba, pero a maioría de estudantes están na Universidade da Habana, que conta con máis de 30.000 alumnos (cantidade semellante á USC). Nesta Universidade están concentradas a maioría das inxeñerías e ciencias puras, mentras que as sociais tamén poden ser estudadas nas universidades “de provincias”.
No proceso de selección inflúe a provincia na que vivas. A cada provincia asígnaselle unha cantidade de prazas para cada carreira. Por exemplo, pra estudar farmacia déronse 11 prazas en Pinar del Río, pra Alimentos (unha carreira moi particular, seica só se estuda en 5 países no mundo) 4 prazas tamén en Pinar del Río, pra estudar microbioloxía danse dúas prazas á provincia de Holguín, etc.
O número de prazas dispárase pra Habana, porque a poboación é moito maior e non é necesario que o Estado pague a beca. Un estudante becado é aquel que vive nunha beca (residencia pra os galegos), non ó que lle dan diñeiro pra os estudos. A ensinanza superior é totalmente gratuíta (matrícula, residencia, alimentación, libros…), polo que non ten sentido falar de becado no noso sentido; Por outra banda, recibes un “estipendio”. O estipendio é unha especie de mini-salario pra certas necesidades. As súas cantidades son: 50 pesos cubanos pra estudantes de 1º e 2º, 75 pesos cubanos pra estudantes de 3º e 4º e 100 pesos cubanos pra estudantes de quinto e estudantes estranxeiros. Con esto podes facer moi pouquiño (25 pesos cubanos = 1€), pero cos prezos que hai aquí aínda dan pra algo (ir ó cine son 2 pesos, o bus 0.20 pesos…).
Na miña carreira, como é unha ciencia social, a maioría dos estudantes son da propia Habana ou Provincia Habana, porque podes estudar economía tamén en calquera universidade de provincia. Se queres facer algo máis complexo o propio é vir á UH, porque posiblemente só poidas estudar aquí a carreira en cuestión. Entrar é bastante difícil, hai moito nivel no Preuniversitario (3 últimos cursos anteriores á Universidade, equivalente a 4º da ESO e Bacherelato pra nós), e as notas son altas en moitos expedientes.
Agora, unha vez estás dentro: A formación universitaria cubana está baseada nun sistema integral. Estudes a carreira que estudes, terás as seguintes materias: Filosofía e Sociedade, Educación Física (unha gran idea, dende o meu punto de vista), Defensa Nacional (preguntei hoxe sobre ela, estudas o comportamento civil en casos de emerxencia: unha invasión, inundacións, incendios, calquera tipo de catástrofe natural, moi importante polos tifóns sobre todo, etc; moi interesante!), Historia de Cuba (podes facer un exame de excelencia a comezo do curso e pasar a materia, porque xa é estudada en Preuniversitario) e Economía Política.
A partir de aquí, cada carreira é un sistema pechado: non podes escoller optativas até 5º curso, e algo como Libre Configuración non existe. A formación é bastante ampla (en bioloxía estudan moita matemática, química e física, por exemplo, non só bioloxía), e non tes moitas posibilidades de especialización nestos 5 cursos.
Agora ben, rematas a túa carreira e podes facer unha Maestría (Máster en Galiza), que tamén é totalmente gratuíto (Os másters son gratuítos!!!!), onde sí te especializas. Fai poucos anos reduciuse o número de maestrías ofertadas, pero seguen sendo unha morea delas. Aquí a especialización sí que é total. Ademáis, hai moitas posibilidades de estudar unha maestría no estranxeiro.
A formación práctica é bastante escasa en ciencias sociais (hoxe falando con nonseiquen comentou que debería ser máis), pero nas carreiras de ciencias hai un mes de prácticas dende 3º curso (non sei se tamén antes, 3º seguro!).
As vacacións son moito máis reducidas: O curso remata a comezos de Xullo (se estudas ciencias tes prácticas case todo Xullo), e comeza o 1 de Setembro. As vacacións de Nadal son uns 7 ou 8 días: dende o 24 ó 3 ou 4, polo que me dixeron…Aquí estúdase, non se está 4 meses rascándoa
Os grupos son altamente reducidos: Teño unha clase en 1º de Economía (unha das máis numerosas) e somos 35. Pensade nas clases de ADE da USC…Despois, os grupos non tenden a ser de máis de 30 persoas, nos últimos cursos das de ciencias a maioría das clases son pra uns 10 alumnos.
Sobre o sistema de avaliación: algunhas materias fan unha avaliación constante con traballo final, polo que suprimes o exame, pero normalmente hai 1 ou 2 exames ó longo do semestre. Todas as materias son semestrais, aínda que eu, por exemplo, tería 4 Economías Políticas. Por lei, tes dereito a 1 exame ordinario cando sexa fixado, un exame extraordinario en Agosto, e un exame Mundial, que se fai xusto antes de comezar o curso en Setembro. É dicir, por cada matrícula tes dereito a 3 exames, en lugar de 2 como en Galiza. Agora a parte máis interesante: só podes suspender a mesma materia 2 veces, ou bótanche da carreira. Tes un máximo de 9 exames pra aprobar, malo será! Se suspendes só unha materia poderías cursar o ano seguinte arrastrándoa, se son 2 ou máis tes que repetir o ano completo pra sacar esas materias. De tódolos xeitos, mírase a avaliación de cada profesor sobre o alumno e a súa situación, e en función diso tómase a decisión. Se non vas a clase (por certo, asistencia obrigada, máximo 20% de ausencias xustificadas, nada inxustificado), ou o teu comportamento é malo, pode que non teñas opción a suspender tanto, ou se estás en 5º e só suspendes 1 despois de repetir 2 veces, tes opción de rematar igualmente.
Os horarios tamén son diferentes: cada clase é de 1 hora e media, cun receso obrigatorio de 5 minutos. A idea está moi ben, porque unha clase dividida en 40 minutos por cada parte non se fai moi pesada. Despois hai 10 minutos entre clases, que tamén teñen que ser respetados polos profesores. Por outra banda, as clases son divididas por semanas pares ou impares. A maioría de clases son toda a semana, pero hai algunhas materias que para cubrir o número de horas semestrais dan unha clase cada dúas semanas. Eu as semanas pares teño 2 clases máis que as impares. É un sistema un pouco raro, pero tampouco é unha mala idea, se a alternativa é facer clases máis longas, como en Galiza. Para gustos…
A participación en clase é moi importante: cada certo tempo (2 semanas ou menos), fanse seminarios, onde o profesor vai facendo preguntas e os alumnos teñen que responder en voz alta. Se non dá tempo a avaliar a todo o mundo, faise unha proba escrita. Hai profesores que lle dan máis importancia ós seminarios que ó exame final. Hai que acostumarse a pensar que a avaliación é constante.
As notas van do 1 ó 5, sendo 3 o mínimo pra aprobar (é dicir, un 6!). Hai unha especie de Matrícula de Honra, coñecida como Título de Oro: unha vez rematada a carreira, se tes máis dun 5 a través de exames especiais (creo que se lles chaman de excelencia), serás graduado con Título de Oro. Non se consigue por materias, se non polo expediente final ó licenciarte.
Por suposto, non nos podemos olvidar dos estudantes estranxeiros: Mentras tramitaba o papeleo pra poder comezar as clases coñecín estudantes de Alemaña, Austria, Reino Unido, Francia ou Brasil. Eu estou en 3 clases diferentes, e desos 90 alumnos cos que comparto aulas hai un paraguaio, unha angoleña e un rapaz de Madagascar. É moi posible que sexamos máis de fóra. Na Beca, non vos podedes imaxinar a mezcla que hai: xa comentei que na habitación de diante miña hai uns namibianos, pero e que podes atopar xente de todo o mundo: toda latinoamérica, Angola, Namibia, Congo, Guinea, Tanzania, Mozambique, Corea, China, Vietnam (moitísimos!), algún país árabe…Hai unha mezcla de culturas que xa lle gustaba á USC!
Seguro que se me está quedando algo, pero bueno, así de forma xeral, esto son as cousas que máis me están chamando a atención do modelo!
Opinións por favor!

4 respuestas para “Sistema Cubano de Educación Superior”

  1. Jose dice:

    Dende logo a “aproximación” o sistema universitario, é completa e instructiva.
    Quédame a dúbida de cómo desenrolan a actividade física na Beca. Fiseches xá os contactos para xogar algo o baloncesto?
    Coidado ca deshidratación (moito azucar ) si vas correr ou xogar o basket.
    Aínda non viñeron probar os novos do equipo senior. Xá te contarei cómo son.
    Temos xente nova nas cadetes e no equipo de Dani.
    Sigue contando as tuas vivencias e ánimo.
    Unha aperta.

  2. Outes dice:

    @jose: Na Beca non hai actividades físicas, fanse en cada Facultade. Hai campeonatos dentro da Facultade no 1º Semestre, e no 2º fanse os campeonatos Caribe, que son entre as diferentes Facultades. O que podo facer na Beca é falar con xente que fai deporte por libre pra ir con eles.

  3. tuanai dice:

    todo o que contas é moi curioso. Paréceme increible que o master sexa gratuito, que teñades ese “estipendio”, a forma de avaliación continua…. Querendo ser mosca cojonera, onde está a trampa de tan bó sistema educativo? se cadra en non poder ter optativas ata 5º?, en non poder suspender a materia máis de 2 veces?….
    Así e todo ese babel de estudantes seguro que é moi positivo.

  4. Outes dice:

    @tuanai: Eu particularmente penso que se debería abrir máis en certos aspectos de materias…Tamén teñen un idioma pra estudar ó longo da licenciatura, e informática obrigatoria, pero non podes ter materias de libre configuración, que sempre está ben por se queres aprender algo doutra rama que non é a túa…
    O de non suspender máis de 2 veces véxoo perfecto. Se por min fora que non puidesen suspender máis dunha vez, e así déixaste de caralladas vendo na facultade xente que leva máis de 10 anos pra rematar a carreira. Que o Estado non é un pozo sen fondo.

Dejar una respuesta