Xornada de Duelo Nacional pola morte de Juan Almeida Bosque

O día 13 de Setembro, dende as 8 da mañá ás 8 da noite, foi xornada de Duelo Nacional pola morte do Comandante Juan Almeida Bosque. Todos os edificios públicos ondearon a bandeira cubana a media asta (algunhas embaixadas, como a de Guinea Bissau, tamén fixeron o propio ca súa bandeira), e en todas as capitais viñéronse celebrando diversas actividades en conmemoración do Comandante. O propio Almeida deixou escrito que non quería un acto de grandes magnitudes, polo que o seu corpo non foi ensinado ó público, e despois da súa incineración será soterrado nunha cerimonia con Honores Militares, pero sen grande presencia pública, na cidade de Santiago de Cuba, á que estivo moi vinculado durante toda a súa vida como guerrilleiro.
A Praza da Revolución da Habana pechouse durante todo o día para presentárselle alí respeto ó Comandante. No Memorial José Martí instalouse un pequeno espazo cunha foto e varias citas sobre el. Moitas delegacións internacionais levaron até alí flores, que pousaron ó redor do edificio.
Non podería dicir o número de miles de persoas que alí estabamos, pero a cola para a entrada era de máis de medio quilómetro. Estiven esperando para poder entrar máis de hora e media, e até as 8 da noite o fluir de xente era contínuo.
Dende a miña Beca organizouse unha camiñata até a Praza para que os estudantes que aquí estamos fóramos xuntos. Eu marchei demasiado cedo pola mañá, e non me enterei até a tarde, polo que non puiden ir con eles, e non sei se houbo algún acto feito polos estudantes.

2 respuestas para “Xornada de Duelo Nacional pola morte de Juan Almeida Bosque”

  1. tuanai dice:

    para eses actos organizados dende a beca, ou calquero outro, é obrigatorio a asistencia?

  2. Outes dice:

    @tuanai: Non, para nada é obrigatorio! Pero mira, por exemplo, para o de Almeida, pasaron lista da xente que foi! Que cada un tire as súas propias conclusións…

Dejar una respuesta