International Summer School in Economics and Management

Durante os días 20 a 26 de Setembro celebrouse o ISSEM (International Summer School in Economics and Management), un encontro anual realizado pola Universidade da Habana en colaboración ca Universität Humboldt de Berlín. Dos días 20 ó 24 realizáronse unha serie de cursos para alumnos cubanos e alemáns que cubrían unha serie de aspectos relacionados ca economía, dende a análise estatística á xestoría empresarial.
Os días 25 e 26 fixéronse charlas e mesas redondas de varios temas, ós que podía asistir todo o mundo. Todo o evento foi celebrado no hotel Habana Libre (famoso por ser ocupado polos revolucionarios unha vez tomada a Habana), que puxo a disposición da organización varias salas para as sesións. Realizáronse un total de 18 charlas nos 2 días, dende as 9 da mañá aś 7 da tarde. Ademáis había comida e cea no propio hotel para os inscritos. Eu non estaba inscrito, así que estiven 2 días comendo e ceando perritos diante do hotel!
O que me chamou a atención foi a cantidade de profesorado que asistiu ás charlas. Houbo varias nas que había máis de 100 persoas, e a maioría delas eran, sen dúbida, profesores. Algúns membros das FEU da miña Facultade estaban por alí, pero o número de estudantes era bastante escaso.
O sistema de charlas era sinxelo: había varios poñentes (3 nas que menos, nunha chegou a haber 7), dos cales un era alemán (profesores da universidade Humboldt, membros de ONGs, etc.) e o resto latinoamericanos, na súa maioría cubanos (escoitei xente de Bolivia, Perú ou Chile). A idea era unha serie de exposicións relativamente breves e un posterior debate. A temática era moi variada, eu non fun a ningunha das máis técnicas (métodos cuantitavos e cousas así…), pasei directamente ás de Globalización, desenvolvemento e crise económica.
Tiña ganas de ver conferencias, por se ía ser todo apoloxía do sistema, ou simplemente centrarse en política exterior e temas que non tivesen a Cuba no centro do debate. Sen embargo, quedei impresionado pola cantidade de opinións diferentes que escoitei. É evidente que moitos dos que falaban eran comunistas, pero todos os alemáns falaban do sector empresarial privado e de socialdemocracia. Houbo unha intervención nunha charla de Desenvolvemento Rural (un alemán que traballa para a ONG Welt Hunger Life, e leva en Cuba máis de 15 anos) totalmente en contra das políticas de desenvolvemento rural que se están levando a cabo. Dende logo foi moi intenso! E a única intervención ó rematar as presentacións (falaron 7 persoas en 2 horas e cuarto), procedente dun cooperativista, foi de apoio ó señor este. O clima foi moi interesante. Na mesa estaban 2 membros do Ministerio da Agricultura, así que dende logo a queixa chegou a onde tiña que chegar. Interesante ver que non todo é perfecto aquí, pero á vez que non son uns represores que non deixan dicir cousas, como os pintan! Polo xeral amosaron diversas liñas de actuación sobre os temas a tratar, e cal é a posición estatal para solventar os problemas. Había interevencións de profesores e traballadores dos ministerios pertinentes, polo que os puntos de vista eran diferentes, o que o fai máis atractivo.
Quedei totalmente impresionado pola calidade das charlas e pola cantidade de xente que participaba. Dende logo, 2 días moi intensos nos que aprendín de Economía.

Dejar una respuesta