Desenvolvemento Social en Cuba

Todos os datos que utilizarei neste post foron ofrecidos nas conferencias “Desarrollo Social en Cuba”, pola profesora Ángela Ferriol, directora do Instituto Nacional de Investigaciones Económicas, e “Pobreza, empleo y exclusión social en América Latina”, impartida polo profesor Enrique Vázquez, Director Institucional Development, da Universidade de La Pacífico, en Lima, Perú, que se levaron a cabo durante o ISEEM.
É unha pena que toda a comparativa que vaia facer de Cuba sexa con países do seu entorno (América Latina e o Caribe, esencialmente), porque ver as similitudes con países capitalistas desenvolvidos tería sido aínda máis interesante
O Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) en Cuba é de 0.838 [O IDH é un indicador que conxuga datos económicos, políticos e sociais, cuxo valor oscila entre 0 e 1]. Polo tanto, podemos considerar a Cuba un país cun IDH alto (considerados así os países cun IDH maior a 0.8), atopándose na posición 51 no total mundial. Sen embargo, no PIB per capita (PIB/nº habitantes) ocupa a posición 94. Cuba é o país do mundo no que maior diferencia se atopa na relación IDH - PIBpc, o que indica os esforzos en desenvolvemento social do Estado.
O nivel de escolarización é do 99.7%, sendo xa dende 1963 o primeiro Estado de América Latina en lograr a clasificación de “país libre de analfabetismo” (na actualidade Venezuela tamén o é, e Bolivia propúxose alcanzalo nos próximos anos).
A igualdade de xénero é obvia: en Cuba estudan máis universitarias que universitarios, hai máis mulleres traballando en campos como saúde, investigación ou dereito. No único campo no que se observa unha desigualdade elevada é nos altos cargos de dirixentes políticos (39% para mulleres, 61% para homes).
A mortalidade infantil é na actualidade de 4.7 (nenos mortos / 1000 nacidos). É importante dicir que non existe disparidade territorial neste aspecto, as cifras son semellantes no rural - urbano e nas diferentes provincias. Se non me equivoco, en USA este indicador rondaba os 7 - 8
En canto á alimentación, existe unha alta dispoñibilidade de alimentos para satisfacer as necesidades da poboación. Sen embargo, cada vez máis as importacións son necesarias para garantir a nutrición en Cuba. Este é un aspecto moi negativo sobre todo a nivel económico, xa que o 25% das importacións totais de Cuba son só gastos en alimentación. Podemos dicir que en Cuba existe seguridade alimentar, pero a Soberanía Alimentar é un tema pendente. Menos do 2% dos nenos menores de 5 anos teñen un peso inadecuado, polo que os casos de desnutrición infantil son mínimos (o Estado proporciona máis alimentos cando se tén un fillo para evitar problemas neste aspecto)
O 96.4% da poboación ten acceso a auga potable de forma sostible: é dicir, existen cortes no suministro de auga en moitos casos, pero garántese unha cantidade estable e “suficiente” en todos os fogares. Neste tema sí existe disparidade territorial, as zonas rurais teñen unha situación desfavorable no acceso á auga (nas zonas urbanas o 98.9% da poboación ten acceso a auga, nas zonas rurais o 88.5%), e as provincias de Oriente sufren maiores problemas de cortes no suministro. Fai 1 mes Raul Castro estivo en Santiago de Cuba para aprobar un plan que para 2011 igualaría a calidade do servicio cas provincias occidentais.
Polo que á miña experiencia persoal respecta, os cortes de auga prodúcense todos os días a certas horas, pero polo xeral non hai problemas graves: se todo o mundo ten o seu cubo cheo a auga non falta auga (estase mellorando dende fai anos o suministro de auga e electricidade, parece ser que fai anos era normal non ter ningunha das dúas cousas durante máis de 24 horas). O problema no suministro de auga vén dado polo propio servicio: as redes están sobreexplotadas polo aumento da poboación.
En canto ó saneamento, o 96% da poboación ten acceso total a el. De novo problemas de sobreexplotación e envellecemento
A pobreza urbana (ingreso inferior a 1$ diario) sitúase no 3%, un nivel moi baixo (semellante a Uruguai), se ben en Panamá este valor é do 15% e en Colombia do 25%. O problema en Cuba son os grupos de risco para entrar na pobreza urbana, que é máis amplo. Especial atención se debe ter en grupos de anciáns, onde este problema é máis destacable.
Cuba é o 1º país de América Latina en aspectos como a nutrición, educación, saúde ou VIH (ten unha das taxas máis baixas do mundo). Sen embargo, atópase rezagada noutros aspectos como a infraestructura de telecomunicacións, auga e saneamento (debido á sobreexplotación e envellecemento das redes, esencialmente)
Respecto á distribución dos ingresos monetarios, Cuba é o país de América Latina con menor desigualdade de renda. Sen embargo vense producindo un incremento desta desigualdade nos últimos anos, polo que moi posiblemente se tenda a aplicar máis medidas redistributibas na renda (aquí o envellecemento da poboación é importante, a redistribución pasaría por incrementos de pensións e outras garantías semellantes). Sen embargo, considérase un problema estrutural que se produzan moitos ingresos en especie (o Estado garante o abastecemento de produtos básicos como o xabón, papel hixiénico, etc. e produtos alimentarios). A súa redución vén aparellada a un incremento nos salarios.
O desemprego é practicamente inexistente: 1.6% (a última vez que vin os datos de España, rondaba o 20% xa). Sen embargo, o tema do emprego é dos máis problemáticos para Cuba: existe unha moi baixa produtividade en moitos campos, e o subemprego é moi amplo. No caso do subemprego, a situación é realmente extraña: en Cuba hai traballo para os profesionais capacitados, sen embargo son eles os que voluntariamente renuncian a estos traballos para subempregarse. Aquí está un dos efectos da inversión da pirámide de renda: moitos profesionais prefiren subempregarse noutros campos, como o turismo, porque os seus ingresos serán maiores.
Cuba ten o maior gasto social respecto ó seu PIB de América Latina, sen embargo no PIBpc(PPP) atópase na 10ª posición (relativamente alta, pero evidentemente é unha mostra do enorme gasto social respecto as súas capacidades reais) [PPP = Purchase Parity Power. O PIBpc(PPP) é un indicador utilizado para comparar o PIB de diferentes países]
Un dos obxectivos que se ten que conseguir é reducir a vulnerabilidade de certos grupos de risco no tema da pobreza (as garantías de axudas son maiores en Cuba que noutros países, pero a pobreza sigue existindo), e aumentar os ingresos a través das políticas estatais (de novo facer énfase nas políticas de seguridade social para os anciáns). Neste aspecto débese achegar o nivel de ingreso ó custo real da vida (o problema esencial é a falta de poder adquisitivo da maioría da poboación), e a nivel Estatal a dependencia das importacións, sobre todo no campo da alimentación.
O gasto social ten que ser sostible e eficiente. É necesario que este gasto social sexa menor no peso total sobre o PIB, para poder utilizar noutras ramas este excedente creado. Os subsidios deben redireccionarse cara as capas de menores ingresos, xa que moitas veces danse subsidios a elevadas capicidades adquisitivas. A solución clave a este problema estrutural será a de modificar a escala de salarios: debe existir a desigualdade de renda, en función do rendemento do traballador (De cada un segundo as súas posibilidades, para cada un segundo o seu traballo)
Por outra banda, tamén é necesario rescatar a calidade de certos produtos básicos, e aumentar a súa oferta en moitos aspectos (as políticas de control de oferta aseguran uns prezos estables, pero limitan o mercado interno, o que fai máis mal que ben). Por último, a estrutura do traballo ten que ser restruturada: a eliminación do subemprego considérase esencial, a organización do traballo ten que ser máis eficiente e débense recuperar nexos entre os centros de estudo / investigación cos centros de traballo.

Dejar una respuesta