Concerto Manu Chao

O Venres pasado, Manu Chao tocou na escalinata da Universidade da Habana un concerto en homenaxe á morte do Comandante Che Guevara. Xunto con el tocarían varios trovadores da cidade e Kelvis Ochoa.
Fun ó concerto con Lucía, Basem (un rapaz libanés da Beca) e Eddy (tamén vive con nós na Beca, xa rematou de estudar e adícase a pintar). O concerto comezaba ás 21:00, así que decidimos estar por alí a iso das 20:00 para pillar sitio diante. Non sabiamos a cantidade de xente que podía mover Manu Chao en Cuba, pero cando chegamos alí case non había ninguén. Xusto cando chegamos saiu a probar o equipo, así que escoitamos 3 cancións case nós sós!

Na parte de atrás fixéronse varios graffitis en recordo ó Che durante todo o concerto, moi ó estilo de Dios Ke Te Crew, pero moito máis grande, en 4 paneis diferentes.
Despois de esperar a hora que faltaba, comezaron a sair os trovadores. Xa había bastante xente (de estar a praza vacía pasamos a ocupar tamén parte de 2 rúas que había ó lado. O Granma falou de 25.000 persoas), e o ambiente era moito máis interesante. Tocaron 3 trovadores diferentes, que se invitaban uns ós outros para cantar xuntos. O primeiro de todo estivo moi divertido, despois saiu un tipo que tocou 3 cancións exactamente iguais, cunhas letras machistas que metía medo…Pero bueno, é o que hai. Despois cantou outro tipo, do cal non me acordo, e xa presentou a Manu Chao.
Hai que dicir que ver a Manu Chao en concerto é moi divertido! A xente animouse moi rápido, aínda que moito do púbico que estaba alí case nunca o escoitara (con toda a relación que ten Manu Chao con Cuba non entendo moi ben o motivo, pero está claro que non é o tipo de música máis escoitado). Despois de 4 ou 5 cancións noto como alguén me chama dende atrás, doume a volta e vexo a un tipo cunha bandeira dos Paises Cataláns. Eu ía ca bandeira galega, e el comezou a berrar “Galiza Ceive!”. Quedei flipando, porque tiña acento cubano! Pregunteille de onde era e díxome que vivira toda a vida na Habana, pero que lle interesaba moito o tema do nacionalismo no Estado Español. A bandeira conseguíraa porque lla mandaran por correo dende Catalunya!. Despois comezou a berrar “Viva Moncho Reboiras”! Falamos un pouquiño de Galiza, e resulta que leía habitualmente [OLLO A ESTO], o Abrente, e preguntoume se coñecía Primeira Linha. Un cubano que le o Abrente!! E o detalle: eu levaba unha camiseta da Librería Fonseca [aproveito para dicir que é unha pasada de librería, cunha atención perfecta!], e dime o tipo: “Librería Fonseca no está en Santiago? Sale en la publicidad del Abrente! ¿Y también vas al Bar Tolo?” Que enfermo, sabía incluso a publicidade! A cuestión, que loqueamos un rato xuntos no medio do concerto e todos moi amigos.
Cando levabamos como 45 minutos Manu Chao tocou Carreiteiro, unha pasada! Esta si que a coñecía pouca xente, e polo menos por onde estaba só a cantei eu. Foi unha motivada moi grande, que é unha canción que escoitaba sempre de neno! Unha pena que o concerto durase só unha hora, porque estaba sendo moi animado!
Ó rematar Manu Chao acércase un dos pipas, que agarra a bandeira e di: “eu son galego”, e díxome que me podía dar 3 pases para ir á parte de atrás do escenario e poder falar con Manu Chao ó rematar. Total, que nos dá os pases e entramos á escalinata por un lateral mentras Kelvis Ochoa tocaba. Estivemos por alí sacando fotos, atopámonos a un dos trovadores do principio e sacamos unha foto con el, e fomos cara onde estaba o grupo de Manu Chao. Acercámonos a preguntar se aínda estaba por alí, e ó ver a bandeira, di o que tocaba a caixa: “Pero sodes galegos? Nós somos dos Festicultores!”. E eso xa foi demasiado, moitas casualidades xuntas! Resulta que Manu Chao só trouxera un guitarrista, e eles ían montar o escenario, así que lles dixo se querían sair tocar con el, que estaba curto de xente. Dixéronnos que non marcháramos, que ían volver tocar un par de cancións con Kelvis, e despois podiamos estar con eles de novo. Efectivamente, Manu Chao volveu sair ó escenario co seu grupo (é dicir, un guitarrista e 2 Festicultores) e tocou 2 cancións. Ó rematar fomos a onde estaban eles, e o tipo que nos conseguira os pases colleume a bandeira e deulla a Manu Chao para que ma firmara. Escribiume con permanente: “Para Adrián, Manu. Toliño por vivir!”. Realmente é unha liada ter unha firma na bandeira, pero no momento non reaccionei…Acerqueime a el e deume unha aperta (Manu Chao deume unha aperta!!!), preguntoume de onde era e sacamos unhas fotos con el. Pero ó chegar máis xente xa comezou a sacar fotos con todo o mundo, así que estivemos falando cos Festicultores, que resulta que viven en Conxo, dun concerto que lles vin en Cervantes o 24 de Xullo (nunha compañía moi especial, por certo), canto tempo levaban tocando xuntos, por que ían con Manu Chao… Moi boa xente!
Cando rematou o concerto despedímonos deles, e ó baixar atopámonos cuns rapaces que levaban unha bandeira mapuche! Falamos un rato con eles porque un vive na Beca, sacamos unhas fotos e marchamos para a residencia, que non podiamos co cu!
Respecto ó concerto, teño entendido que saiu en El Mundo que había 3.000 persoas, e que fora un concerto privado só para as xuventudes comunistas. O concerto estaba organizado polas FEU (Federación Estudiantil Universitaria), que non pola UJC (Unión de Jóvenes Comunistas), e dende logo non era privado. Saiu anunciado no Granma e no Juventud Rebelde 2 días diferentes, e non había ningún tipo de control na entrada. Ó meu lado tiven un señor duns 60 anos, así que non creo que fose estudante, e podo asegurar que non era xoven. Igual sí era comunista, así que neso si puido acertar El Mundo. Unha mostra máis do vergonzosa que é a prensa internacional con Cuba, e en especial certos xornais que só se adican a manipular o que lles dá a gana. Vomitivo.

Una respuesta para “Concerto Manu Chao”

  1. Miguel dice:

    Adrián, vou vendo o teu blog bastante, e a verdade e que está moi interesante e estás vivindo cousas moi guapas. Por Zaragoza xa llepasei o blog a algunha xente, unha compañeira di que quere ir a Cuba así que supoño que irá lendo algo.

    Espero que siga todo tan ben.

    Unha aperta dende Zaragoza

Dejar una respuesta