- Actos Oficiais (18)
- Blog (14)
- Cine (5)
- Economia (6)
- Educación (11)
- Fotos (28)
- Historia de Cuba (14)
- Imperialismo (14)
- Libros (12)
- Música (7)
- Personaxes Históricos (7)
- Presentación (2)
- Residencia (13)
- Sanidade (2)
- Sistema Electoral (3)
- Trámites (3)
- Viaxes (22)
- Vida en Cuba (21)
- Xornalismo (11)
- 30. Agosto 2010: Novo blog sobre Cuba!
- 21. Julio 2010: Nun camello!
- 16. Julio 2010: Centro Galego da Habana
- 12. Julio 2010: Medios de transporte (II): Transporte interprovincial
- 9. Julio 2010: Rematei os exames!
- 6. Julio 2010: Medios de transporte (I): Transporte urbano
- 5. Julio 2010: Posts do mes de Xullo
- 1. Julio 2010: Viaxe a Las Tunas
- 22. Junio 2010: Matrículas
- 21. Junio 2010: Problemas no teclado
Blogroll
Santa Clara e segundo concerto de Manu Chao
O Domingo pola mañá espertamos ben cedo pra sair cara a Habana. Ás 6 da mañá collimos a nosa máquina (esta vez sen problemas de cola) e saímos de Güines. En menos dunha hora estabamos xa na cidade, e marchamos cara La Coubre, a terminal de autobuses que se encarga de dar viaxes en lista de espera.
O funcionamento dos autobuses nacionais é o seguinte: podes mercar o teu pasaxe días antes de que saia a túa guagua (por experiencia propia, tardas entre 3 e 4 horas en mercar o puñetero billete), e xa aseguras ter plaza o día que marchas. Se non, vas o mesmo día no que sae o bus para anotarte na lista de espera. En todos os buses falla xente, ou non se cubren todas as plazas. Chegas á estación, fas unha cola e danche un número para a lista de espera. Cando chega a guagua miran a cantidade de asentos libres e van pasando a lista da xente que está esperando. É máis arriscado, porque podes quedar alí mirando como marcha o bus cheo, pero con estar alí 1 hora igual zafas e marchas sen ter que andar co roio do pasaxe.
Anotámonos na lista de espera de 2 buses que saían cara Santa Clara, e como chegáramos moi cedo estabamos case dos primeiros, así que conseguimos entrar xa para a primeira guagua. A viaxe da Habana a Santa Clara son 4 horas, máis o tempo que se pare nunha área de servicio para almorzar / comer / cear. Saimos ás 10 e pico sen problema algún. Fixémonos amigos dunha señora que estaba facendo o mesmo que nós, e xa fixemos a viaxe xuntos. De tódolos xeitos quedamos os 3 durmidos e tampouco conversamos demasiado. Comimos na área de servicio (había patacas fritidas! A primeira vez que as tomo dende que cheguei, que sempre se toma en puré) e volvimos sair. A eso das 2 e pico da tarde chegamos a Santa Clara. Despedímonos moi agradecidos da señora que nos acompañara, que nos fixera un pequeno croquis da cidade para indicarnos onde estaba o Mausoleo do Che, o Parque (a praza que está no medio da cidade), un par de sitios para comer e o lugar onde se faría o concerto.
Da estación marchamos cara o complexo arquitectónico do Che, unha praza que impresiona, e que ten na parte de atrás o mausoleo ó Comandante. Como era Luns, o mausoleo estaba pechado, así que quedamos sen entrar (vaia noxo). Este son eu co Che detrás!

Andivemos pola zona un ratiño, e despois baixamos cara o centro da cidade. Santa Clara non é, nin de lonxe, semellante en tamaño á Habana. Os edificios non pasan de 3 pisos, e a cidade é moito máis tranquila. Ó chegar ó centro paramos nunha hamburguesería para comer algo e despois entramos nunha librería que atopamos. Alí estivemos máis dunha hora, e mercamos algún libro. Saimos darlle unha volta á cidade para ver o que atopabamos (non tiñamos nin guía, así que non había referencias cara onde ir!) e así facíamos tempo antes do concerto. Ceamos nun pequeno bar no que poñían filetes con arroz (moi ricos, por certo), e xa marchamos cara Manu Chao.
Chegamos unha hora antes, e foi unha desilusión, porque realmente o sitio estaba baleiro. Pouco a pouco comezou a chegar xente, e aínda que había moita menos que na Habana o ambiente era máis interesante [camisetas de SA e Kortatu!]. Cal é a nosa sorpresa cando vemos que pasan 5 tipos cunha ikurriña! Acercámonos e comezamos a falar con eles, e cando lle decimos que somos galegos, contestan: “Ostia sois gallegos? Este que está aquí con nosotros también!”. Acababan de coñecer a un chaval de Marín! E alí nos puxemos a falar todos con todos. Vaia casualidade! Andrés, o rapaz de Marín, está facendo a tese de arquitectura en Santiago de Cuba; os vascos estaban de vacacións, e foran visitar a unha amiga que vivía en Santa Clara.
A esto das 21:30 comezou o concerto, e sairon tocar unha serie de trovadores de Santa Clara, parecido ó que se fixera na Habana. Pero estos en lugar de ser 3, eran 3 ducias. Saían, tocaban unha canción, e saía o seguinte mentras o resto acompañaba. Estiveron sobre unha hora tocando, até que xa saíu Manu Chao. Está moi entretido escoitar trovadores, pero faise pesado se é moito tempo seguido!
Ó sair Manu Chao, comezamos a berrar “Festicultores” con Andrés (que tamén os coñecía!), fixáronse en nós e comezaron a rir, saudáronnos dende o escenario e todo! O concerto de Manu Chao foi exactamente igual ó da Habana (incluso dixo as mesmas frases entre cada canción!), pero foi moitísimo máis divertido por estar con esta xente. Emoción total con Andrés cantando Carreteiro, e todos felices.
Cando o concerto estaba a piques de rematar, dímonos conta de que xa eran as 23:20, e que o noso bus de volta á Habana saía ás 23:50, así que tivemos que marchar para non perdelo. Unha pena, porque igual podiamos despois quedar a falar cos vascos e Andrés…
Atravesamos toda a cidade, e chegamos á estación ás 23:57. A guagua acababa de marchar. Vaia gracia! Quedaramos tirados en Santa Clara! Eso pasa por improvisar, que a acabas cagando nalgún momento. Collemos un coche de cabalos e decímoslle que nos leve á casa particular (casas que alugan habitacións) máis cercana, que o seguinte bus saía ás 06:00. O do carro fixo o que lle deu a gana e levounos á casa que quixo el, e quíxonos estafar na viaxe. Tivemos unha discusión e ó final pagámoslle a metade do que pedía (pola noite pareime a pensar na discusión, e todo foi porque el pedia 2€, e nós non queríamos pagar máis de 0.80€. Esto pasa por pensar en pesos, que despois ó cambio é un chiste polo que discutes, pero bueno…). Entramos na casa particular e conseguimos habitación. Xa era como a unha e pico da mañá así que tampouco puidemos descansar moito. Durmimos até as 5, levantámonos e marchamos cara a estación.
Cando chegamos alí dinnos que a guagua xa estaba chea, que chegáramos tarde. “Imposible!” dicimos nós. Pois si, era posible. Sentámonos a esperar a seguinte (que era ás 12!!) e temos a tremenda sorte que ós 5 minutos avisan que hai un autobús extra (aparecen a veces cando hai moita xente esperando, pero avísase con 5 ou 10 minutos de antelación, polo que nunca sabes cando pasará algunha de antemán), así que montamos nese. Por fin! De camiño á Habana.
Despois de máis de 3 horas de camiño, paramos na mesma área de servicio da ida, a 72 kilómetros da Habana (non se me vai olvidar o número de kilómetros). Dannos 10 minutos para ir ó baño e comer algo. Efectivamente, imos ó baño e comemos algo. Cando volvemos cara o autobús vemos como este arranca e marcha. Perfecto, quedamos tirados no medio da nada!
Eran como as 10 da mañá, e quedábannos 80 pesos cubanos entre os 2 (o que veñen sendo 3€). Comezamos a preguntar a todos os coches que paraban se ían cara a Habana, e se nos podían levar. Esto é bastante común en viaxes longos, en lugar de autostop aquí chámaselle facer botella. A xente que marcha no seu coche privado pasa por algúns sitios onde hai xente esperando para que os leve, e cobra un pouco pola viaxe. O problema é que na área de servicio os coches xa ían cheos, porque alí non se vai montar ninguén (excepto os paiasos que ven marchar o seu bus, coma nós!). Despois dunhas 2 horas, chega un camión que levaba xente. A típica escea de película onde un camión en lugar de transportar patacas transporta persoas, pois así. O conductor cobrounos 10 pesos a cada un, e deixounos subir. O panorama no camión era divertidísimo: contei 29 persoas cando subimos, ían 2 policías, un militar das forzas especiais, varios rapaces que debían ter a nosa idade, e demáis xente do máis extraña! O tipo que estaba ó meu lado casualmente ía cara Güines, e viña dende Holguín (case na zona máis Oriental da illa). Levaba no camión dende as 7 da tarde do día anterior! A medida que nos acercábamos a Güines íase poñendo máis contento, e prométovos que baixou do camión e comezou a dar saltiños de placer! Era unha persoa do máis simpática. A viaxe foi moi agradable, ir a un 70km/h dándoche o aire na cara é unha sensación incrible! Ademáis a panorámica que tes indo pola autopista é moi bonita.
Cando nos acercábamos á Habana, o camión para no medio de nada, e di que xa dá a volta. Vaia gracia! Preguntámoslle a un señor que ía con nós como podiamos chegar até a Habana, e díxonos que fósemos con el, que vivía non moi lonxe da nosa Beca. Fixémoslle caso e metímonos na 1ª guagua que chegou (o PC, a liña que atravesa toda a periferia da Habana, non teño nin idea de en que parte estabamos nós). Despois dunha media hora chegamos a Marianao, o barrio do señor que nos guiaba. Efectivamente, alí xa nos ubicamos. Agradecímosllo moito (realmente se non nos levara igual aínda estabamos andando pola autopista da Habana!), collimos o P5, a liña que nos deixa diante da Beca, e chegamos para comer. Eran as 14:00. 8 horas para unha viaxe de pouco máis de 4!
E despois de comer, unha boa siesta de 4 horas!
Un par de fotos do concerto:

16. Octubre 2009 en 09:26
O sistema de transporte en Cuba da para toda unha tese doutoral. Menudo caos. Claro que os protagonistas desa viaxe estaban ben “axoubados”. Espero que o concerto e o coñecer a xente nova compensase.
16. Octubre 2009 en 10:39
Santa Calara está ben pero xa non ten moito que ver cos pobos do norte, é máis cidade. Alí foi onde máis ambiente nocturno vimos e onde había máis vida urbanita.
O mausoleo é criminal, nos pegaramonos unha boa pateada pra chegar alí dende o centro onde estabamos tb nunca casa particular … e q casa!.
No centro hai bastante “jinetero”, como lles chaman eles, e inda escacharamos ca risa con algún deles … vaia cara teñen xD.
Volver pra Habana dende alí leváranos case un día pq xa verías q a ochovía ta chea de buratos, buratos neghros! q se metes alí a roda do coche trágao enteiro pa dentro.
Vexo q está sendo produtiva a estancia
Saúdos!
18. Octubre 2009 en 22:45
@tuanai: o transporte para nada é desastre! Só hai que entendelo! Desastre é o transporte en tren, eso sí que é desastre! E dende logo, a viaxe compensou!
@Noa: Pois nós non tivemos problema con jineteros! Ó estar todo pechado por ser Luns debían ter o día libre…O certo é que por agora só na Habana Vella tiven problema de jineteros, o resto de Cuba non me deu ningún problema!
E a autopista está en bastantes boas condicións, pensei que sería moito peor. O problema son as estradas secundarias, pero o que é a Autopista Central ten un asfalto bastante bo!
19. Octubre 2009 en 16:59
Ai pois nos andabamos a bandazos, pero claro tb hai q pensar q eles xa están acostumados e sábenos todos e nos ao non coñecer e ademais ao levar un coche alugado íamos bastante cagados.
Viche algún control de radar?
A nos en cayo coco parounos un policia e díxonos que íamos moi apurados, puxemos boa cara e safamos da multa pero cando lle preguntamos ao cubano que viaxaba con nos como detectaban a velocidade sen ningún tipo de dispositivo, dixo q o facían coa dobladura do pantalón, se lles vibraba moito entre as pernas xa te paraban xD.
Problemas cos jineteros non tivemos pero perseguíannos un pouco pq meu pai ten moita pinta de turista de nuestro señor .. e claro, alá viñan todos a colgarse del xD. É certo q a maioría están na Habana, no Vedado e na parte vella, nos demais sitios case non hai, en Trinidad hainos pero polo tema dos Paladares pero bueno pouca cousa.
Este domingo arranco pra Nova York, vou velo lado oscuro xD, xa che contarei as diferenzas.
Saúdos