Cienfuegos

Esta fin de semana viaxei á cidade de Cienfuegos. É a capital da provincia homónima, situada no centro da illa. Con menos de 140.000 habitantes, esta cidade fundada por colonizadores franceses a comezos do século XIX presenta un dos cascos históricos máis importantes de Cuba, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO. Pasear por Cienfuegos dá unha visión diferente da arquitectura cubana, xa que a cidade está chea de pequenas casas coloniais francesas, algo que non é moi común ver noutras cidades do arquipélago.
A miña viaxe comezou o Venres á última hora da mañá, cando collín o autobús que me levaría á cidade. A viaxe foi de pouco máis de 4 horas, sen complicacións. Outra vez a parada de rigor na mesma área de servizo de sempre, á que xa lle estou collendo cariño. Dentro do propio autobús acercóuseme unha señora para ofrecerme unha casa particular na que podería quedarme se me interesaba. Regateamos un pouco e ó final aceptei (saiume un pouco caro, pero o almorzo ía incluído, e menudo almorzo!), así era unha cousa menos na que tiña que pensar ó chegar á cidade.


Ó chegar á cidade deixei a miña equipaxe (unha mochila) na casa e saín dar unha volta.
Se se quere coñecer Cienfuegos, é obrigado visitar dúas zonas da cidade: o casco histórico, ó redor da Praza José Martí (alí están a catedral, un pequeno Arco do Triunfo, a Casa da Cultura, a Asamblea Provincial do Poder Popular, O Museo Provincial e algún outro edificio relevante) e Punta Gorda, a zona sur da cidade, dende onde se pode ver toda a Bahía de Cienfuegos, cunhas vistas espectacuales. Ambos puntos están unidos pola Avenida 37, considerada como a rúa máis longa da illa.
Estiven andando polo casco vello un rato, e a cidade gustoume. O ambiente é moitísimo máis tranquilo que na Habana, a xente máis hospitalaria (se iso é posible!), con menos aglomeracións e, o que é máis importante: non hai un só jinetero. Podes camiñar tranquilamente por onde queiras poñendo a túa maior cara de guiri (e eu teño unha enorme cara de guiri a veces), que non vas ter problema algún. Despois de darlle unha volta ó centro baixei polo Malecón de Cienfuegos (de pouco máis de 2 kilómetros, non ten nada que ver co da Habana, pero as vistas que hai cara a Bahía son espectaculares) até Punta Gorda. Alí cheguei ó Palacio de Valle, construido en 1917 por un asturiano, de estilo mourisco. Dos edificios máis bonitos que vin en Cuba. Cheguei finalmente á Punta (onde se atopa o Centro Recreativo La Punta, que non é máis que un par de bares e un pequeno xardín onde tomar o sol, moi agradable), e alí estiven un rato admirando as vistas. Como paraxe natural, dise que a Bahía de Cienfuegos é das máis bonitas do mundo, e non me extraña.
Volvín cara o centro, e parei en Coppelia (a cadea de heladerías máis prestixiosa de Cuba), a tomar algo. Espero que a miña dentista non lea esto, porque “tomar algo”, converteuse en tomar 10 bolas de xeado de plátano. Que rico estaba! Sentas na silla que che toca, e non tes unha mesa para ti, así que eu estiven cunha señora e os seus dous fillos (un neno que debía tar 9 anos e unha nena que non pasaría de 5), falando da Universidade de Cienfuegos. Aquí hai moitísimos estudantes de medicina enviados polo ALBA (3.000, se non me equivoco), pero estudan nunha facultade que está nas aforas da cidade, así que non é moi normal atopar grupos de estudantes estranxeiros na cidade. Unha pena.
Despois desa cea perfecta, saín de novo cara a Praza José Martí, a ver un espectáculo de danza franco-haitiano que se ía realizar no Teatro Tomás Terry. Menudo edificio! Por dentro é incluso máis bonito que por fóra, e por fóra é moi bonito!
O espectáculo estaba realizado polo conxunto provincial de danza. A relación franco-haitiana é moi común nesta zoa debido á Revolta de Haití, o que levou a moitos colonos franceses a moverse cara Cuba. Nunha na miña vida vira danza, e moito menos danza franco-haitiana, pero se algunha vez tedes oportunidade, non deixedes de ir. Unha moi interesante experiencia.
Ó día seguinte non me din presa por sair. Aproveitei o meu almorzo (pan con mantequilla, galletas, café con leite, pasteliños…) e ás 10 da mañá saín darlle outra volta á cidade. Saín cara a Necrópolis Tomás Acea (encantaríalle a Risis e Alberto!), un cemiterio-xardín que ten na súa entrada un enorme pavillón neoclásico cunha columnata semellante ás do Partenón grego. Ademáis, dentro atópase un monumento ós Mártires do 5 de Setembro: este día de 1957 produciuse un levantamento naval na cidade en apoio ós guerrilleiros que loitaban aínda en Oriente. O levantamento foi reprimido con moitísima dureza, e alí están soterrados os asasinados polo réxime.
A Necrópolis quedaba cara as aforas, polo que tiven oportunidade de coñecer a zona residencial de Cienfuegos. Edificios de non máis de 5 pisos (con un par de excepcións, non hai edificios altos na cidade), moi cuadriculados e con pintadas cederistas. Moitísima vida por esta zona, é moi agradable pasear por sitios así, ves como a xente vive e se relaciona. Paras tomar un refresco e incluso podes ter unha conversa cun veciño sobre o que che apeteza.
Dirixinme cara a Praza José Martí, e xusto se estaba realizando a Asemblea Provincial. Como facía moitísima calor tiñan todas as ventanas e portas abertas, así que quedei alí escoitando. A sala estaba chea cos delegados correspondentes, mentras falaba un cargo da Asemblea (nin idea de quen era, para que nos imos enganar). Non sei canto tempo levaba falando, pero dende que cheguei eu o discurso durou uns 20 minutos. Fixo fincapé na educación e na sanidade, onde había que mellorar a situación. O último tema que tocou foi o do gasto enerxético: “Compañeros, el plan energético se cumplió en los meses de Julio, Agosto y Septiembre, ahorrando más de 1 millón de US$, pero esta situación está cambiando en Octubre, donde presentamos un déficit. Hay que revertir esta situación DE INMEDIATO compañeros”. E ó finalizar, berrou: “Vivan Camilo y el Che! Vivan Raul y Fidel! Viva la Revolución! PATRIA O MUERTE!” E todos os delegados, de pé e puño en alto, berraron: “VENCEREMOS!”. Vaia subidón!
Dirixinme ó Museo Provincial, e resulta que estaba en obras todo o segundo piso, así que tampouco puiden ver moito. Tiñan unha exposición temporal de pintura (había algún cadro moi chulo, por certo), e toda a sección de elementos decorativos da sociedade colonial francesa decimonónica.
Ó sair atopei unha librería. Alí pasei como unha hora mirando libros, e leveime algunha cousa (estou desenvolvendo unha extraña enfermidade que me impide non mercar nas librerías). Na parte de atrás había un Clube de Lectura. Un grupo dunhas 15 persoas estaba lendo poesía (non sei se escrita por eles ou doutros autores), entre todos falaban sobre a métrica e a temática de cada poema para analizalo. Cando saín da librería fixeime nos cartaces que tiñan fóra, e teñen un clube diario (dende literatura infantil e poemas propios) durante toda a semana.
Xa eran sobre as 3 da tarde, así que parei comer nunha “hamburguesería” (non merece nin ese nome, vaia desastre de hamburguesas!), e fun botar unha siesta.
Ás 5 da tarde marchei cara o malecón, por onde estiven paseando. Ó ser fin de semana había bastante ambiente, e faise divertido sentar por alí e ver pasar á xente. Púxenme a ler por alí até a hora de cear, que volvín cara o centro. Atopei un cine, e decidinme a entrar. Unha sala tan grande como as da Habana (iso quere dicir que era MOI grande), na que só estaba eu! Cando comezou a película entraron outras 6 ou 7 persoas, pero éramos menos de 10 na sala. A película titulábase “El Hombre que volvió”. Unha produción americana sobre un soldado secesionista que, despois da guerra, vive nun povo do Sul, onde o maltrato á colonia negra é evidente. A película é de moi baixo presuposto e moi dura ó mesmo tempo, foi interesante, pero nada espectacular.
Ó sair, merquei algo de comer e volvín para casa, que ó día seguinte madrugaba para coller o autobús de volta.
En definitiva, unha moi bonita cidade para visitar se se teñen un par de días libres en Cuba. Pequena selección de fotos:

 

 

E esta foto é para meus pais, que estou farto de que digan que non saben como estou e que non poño fotos nas que se me vexa. A ver se así se tranquiliza a familia!

5 respuestas para “Cienfuegos”

  1. Skilled dice:

    Necrópolis de Cienfuegos anotada.

  2. Noa dice:

    Non sei se as casas ás q vas son de cuc ou de peso pero no caso de seren de cuc se precisas algún contacto igual o temos por aquí e senón sempre se pode conseguir sen moita dificultade.
    Penso que os almorzos é mellor q os collas nas casas pq che han saír igual de caros e polo menos alí póñenche unha boa mesa, eu xa pensei estoupar nalghunha casa xD.
    Saúdos!

  3. tuanai dice:

    Despois do que contas e de ver as fotos apetece Cienfuegos. Seguro que che sentou ben unhas horas fora da gran cidade e pasear por unha vila algo máis tranquila.
    Estas moi “juapo” na foto. juapo e “carallán”

  4. Laura dice:

    Oh dios mío… non vira esa última foto! hahahaha!

Dejar una respuesta