Archivo para 22. Octubre 2009

Concerto de Chucho Valdés

Esta semana estase a realizar a Semana da Cultura Cubana. Durante 7 días haberá diversos actos todas as tardes, dende presentacións de libros a concertos, con conferencias e exposicións.
Todos os actos fanse no Pavillón Cuba, que está ó lado da miña Facultade, así que podo ir sen moito problema. Teño un exame este Venres, así que non é moi boa semana, pero onte aproveitei que estaba por alí e fun ó concerto de Chucho Valdés, un dos jazzman máis prestixiosos do país. En Cuba fálase sempre de latin-jazz, polas influencias da salsa e ritmos africanos. Recomendo a todo o mundo que se pare 5 minutos a buscar música de Chucho Valdés, porque vale a pena escoitalo. Tocou co seu grupo, e ademáis acompañárono o trompetista Alexander Abreu (unha persoa moi querida en Cuba), e un coro feminino chamado Sexto Sentido. O concerto durou algo máis dunha hora, e foi moi entretido. Estiven preguntando un pouco e parece ser que é un músico moi respetado a nivel internacional, non só no panorama cubano.
Despois do concerto estiven co grupo de xente máis extraño que me xuntei dende que cheguei a Cuba: catro cubanos, unha francesa, tres alemanas, un austríaco, unha noruega, unha brasileira e eu. Fusión de culturas a máis non poder! Entenderse con tantos acentos diferentes era bastante complexo, pero o austríaco incluso se atreveu a contar un par de chistes!
Pena de ter que estudar, porque tería sido unha noite moi divertida!

|