Sobre Yoani Sánchez

Dende fai uns días recibín varios correos preguntando sobre Yoani Sánchez, a escritora do blog Generación Y, con moito éxito en Miami. Todo o que escribirei aquí escoiteino a través do boca a boca, preguntando por aquí e por alá, porque non saiu absolutamente nada do tema en ningún medio oficial. Sobre a comunicación en Cuba escribirei noutro momento, non é a miña intención falar agora sobre iso. Hai varios puntos dos cales non teño información, e outros nos que non me creo o que escoito, así que a ver se sacamos unha valoración colectiva do tema, porque se lle está dando moito peso na información internacional.
Quen é Yoani Sánchez? Nacida en Cuba, estudou xornalismo na Universidade da Habana coma calquera outro estudante. Coñeceu a un home alemán co que comezou unha relación, e a través del estivo en Alemaña durante un tempo. Parece ser que en Europa tivo contacto con contrarrevolucionarios (primeiro punto no que non teño información fiable); o que sí parece claro é que o seu blog está financiado actualmente dende Miami. O seu blog vén sendo patrocinado dende canles (des)informativos procedentes dos Estados Unidos, tales como Radio Martí ou semellantes. Fíxose famosa en todo o mundo cando no seu blog publicou un vídeo no cal se amosaba a ela mesma conectándose a Internet nun hotel cubano, supostamente prohibido para quen non fose estranxeiro. [Nunca existiu unha lei en Cuba que prohibise que un cubano puidese conectarse a internet nun hotel, sen embargo no pasado dérase algún caso no que non se permitiu utilizar os PCs a residentes, iso é o que se comenta.] A partir dese momento houbo unha época que Yoani Sánchez saía por calquera cousa en televisión.
Fai un par de semanas comezou toda a situación actual: Yoani Sánchez estaba grabando algo que non podía grabar (eso foi o que me dixeron, que cada quen se faga a súa idea do que é “algo que non se pode grabar”, igual un edificio oficial ou algo que puidese comprometer ó goberno cubano, non teño nin idea). A cuestión é que se lle requisou a cámara, e Yoani “retou” ó policía en cuestión a ver se se atrevía a ter un careo con ela o Venres 20 ás 20:30 da tarde en G & 23, un dos puntos polos que pasa máis xente do Vedado, un dos barrios máis importantes da Habana. É dicir, quería montar un circo. Chamou a todos os medios internacionais para que grabasen todo o que ía pasar. Así que alí se reuniron Yoani e todos os xornalistas que avisou (seguro que non había ninguén do Granma).
Hai que dicir que en Cuba todas estas cousas remátanse sabendo, eu tiven información de que todo esto estaba pasando o mesmo Venres ás 6 da tarde, pero non me decidín a ir a ver o que pasaba. Evidentemente, se eu sei estas cousas, todas as organizacións de masas tamén o saben. Que se fixo? Alí apareceu moitísima xente para ver o que ía pasar: xente que pertence ás FEU, CTC, FMC, etc.
No momento en que Yoani quixo comezar o circo (parece ser que incluso a estaban grabando e lle deran un micro para dar o discurso), todo o mundo se volveu tolo: a policía non lle deixou falar, e o problema foi que a xente comezou a berrar contra ela. Así, a policía tivo que facer un cordón sobre Yoani e a xente que estaba con ela para evitar que tivesen problemas. Seica o grave foi contra a súa parella (o alemán do principio), ó cal lle estiveron berrando até que montaron nun coche e marcharon do lugar. Polo que me comentou a xente dos correos chamáronlle “gusanos”. Aquí chámaselle gusano ós contrarrevolucionarios. É dicir, non eres un gusano por non ser comunista, pero sí o eres se colaboras con algunha organización de Estados Unidos, etc. É unha palabra moi común cando se fala da xente de Miami. Dende logo, non houbo agresións, e Yoani e o seu mozo chegaron a casa e publicaron todo no seu blog.

6 respuestas para “Sobre Yoani Sánchez”

  1. Laura dice:

    Polo que eu sei, tamén informou aos medios dunha serie de agresións físicas. Cando chegaron os xornalistas á súa casa, o único suposto moratón que tiña era nas nádegas e, loxicamente, non o podía amosar… Preguntáronlle por que non sacara fotos do resto dos moratóns, e empezou a dar escusas estrañas.
    En fin! Cada quen que tire as súas propias conclusións…

  2. Noa dice:

    Non é por joder pero xa sabemos todos como van esas cousas. A paisana planea co seu maromo un show, varias cadeas internacionais subvencionanos para desprestixiar ao goberno cubano e tralarí tralarí todos a sacar beneficio. O truco ese é máis vello có Tato. En fin…

  3. chino! dice:

    Espero que te vaya todo bien por aquellos lares! Por cierto, soy un asiduo lector de tus historias! Jaja

  4. Sus dice:

    Xa que non actualizas e estás sen mobil, téñocho que poñer aquí asique… PAREBÉNS! Espero non confundirme de día, que son un pouco desastre para estas cousas! En fin, o que se di sempre… que os disfrutes e cumplas moitos máis! Xa es todo un homiño… jaja!
    Acórdome moito de ti. Un bico :)

    P.D. Déboche un email… AAAAAAAHHHHH!

  5. Yipee dice:

    Felicidades meu! ;) Que xa estaba eu pendente da data para desearte un feliz cumpreanos. Xa somos dous vellos de 20! (pero aparentamos dous mozos de 18 de moi bo ver, hai que recoñecelo jeje ) Que sepas que sigo a menudo o teu blog, pero hai que actualizar incluso máis!

    Unha aperta tio, coidate moito!

  6. Velo dice:

    Outes levo dous días lendo sen parar todas as entradas do teu blog, que non sabía que existía ata que mo dixo Lara o outro día! ENCÁNTAME! Morro de envexa, cada entrada, cada historia, son incribles, e ti cóntalas dunha maneira moi amena, xenial! Todo parece de película tío… Alégrome moitísimo de que todo vaia tan ben, aproveita cada segundo qe unha experiencia así non se vive moi a miúdo meu neno. Ahora xa non che perdo a pista, coidate moito, un bico!

Dejar una respuesta