Efectos do Bloqueo a Cuba (I): Antecedentes

Antes de rematar as clases fixen un pequeno traballo para Historia de Cuba sobre o bloqueo, e ocorréuseme publicalo aquí en pequenos fascículos. O bloqueo sempre é un tema polémico, así que está ben saber cales son as súas dimensións reais. A bibliografía é, esencialmente, o “INFORME DE CUBA SOBRE A RESOLUCIÓN 58/7 DA ASEBLEA XERAL DAS NACIÓNS UNIDAS”, presentado no ano 2004; a “Demanda del Pueblo Cubano al Gobierno de los Estados Unidos por los daños económicos ocasionados a Cuba”, causa presentada por varias organizacións de masas de Cuba (CTC, ANAP, FMC, FEU, FEEM, OPJM, CDR e ACRC) na Sala do Civil e do Administrativo do Tribunal Provincial Popular da Cidade da Habana e “Demanda del pueblo de Cuba al gobierno de los Estados Unidos por daños humanos”, co mesmo formato ó anterior.
1. Antecedentes
Os Estados Unidos comezaron unha política en contra da soberanía de Cuba dende moito antes de 1959. Nunca recoñeceron a República de Armas, e intentaron negociar con España para a súa anexión do arquipélago de diferentes formas, incluída a propia compra do territorio.
Será a partir de 1898 cando se fai máis patente esta política: trala inminente victoria dos rebeldes cubanos fronte a España, Estados Unidos utilizou o autoatentado do Acorazado Maine para inmiscuirse na guerra e así poder controlar os resultados do proceso de paz posterior. Este será un dos momentos máis bochornosos na política estadounidense: a Enmenda Platt da nova Constitución Cubana daba dereito á Unión a intervir directamente na illa. Xa vemos incluso antes do século XX a posición de ataque á soberanía de terceiros países que plantexaba Estados Unidos.
A República en ningún momento puido facer cambiar esta realidade. O conxunto de gobernos corruptos non fixeron máis que perpetuar esta situación, ó traballar en concordancia cos intereses do capital dos Estados Unidos. Sen embargo, sempre que se producía un intento de cambio, a intervención volvíase máxima ó implantar unha ditadura á vontade do propio goberno yanki, en alianza cos poucos cubanos ós que lles beneficiaba a estrutura dependente e neocolonial que existía no arquipélago.
Son ben sabidos os intentos de inxerencia por parte dos Estados Unidos en Cuba despois do triunfo da Revolución en 1959: obviando o bloqueo, do que falaremos a continuación, podemos citar o continuo financiamento ós grupos contrarrevolucionarios, a fallida invasión en Praia Girón, a guerra bacteriolóxica (utilizada tanto para producir catástrofes na economía cubana como para lograr o maior número posible de víctimas humanas), o apoio á disidencia “política” interna e externa e incluso a axuda a terroristas confesos: recordemos o caso de Luis Posada Carriles, que hoxe aínda se pasea libre por Miami despois de recoñecerse culpable do atentado do avión de Cubana nas Bahamas.

Dejar una respuesta