Salarios, produtividade e propiedade en Cuba

Este é un dos post que máis ganas tiña de escribir dende fai tempo. Un dos máis grandes problemas que ten Cuba na súa economía (que non son poucos), é o dos salarios. Estiven estudando este tema dende fai uns días, así que vou tratar de dar unha visión xeral dos problemas e posibles solucións.


Un breve repaso histórico posterior á caída da URSS. No comezo do periodo especial en tempos de paz (1991), a situación económica do país estaba nunha posición desesperada. Os salarios nominais, de 188 pesos cubanos (en 1989, nese momento á par co dólar) mantéñense constantes durante uns 5 anos, ó mesmo tempo que a inflación medra a un ritmo medio do 100% até 1993. O salario real (con base 1989 = 100) pasa a ser o 10% respecto a 1989. É dicir, en 3 anos, os cubanos perderon, como media, un 90% da súa capacidade adquisitiva (supoñendo o salario a única fonte de ingresos). A partir de 1993 os prezos normalízanse, con periodos de escasa deflación seguidos dunha escasa inflación. O resultado foi (despois das políticas de incremento de salarios a partir de mediados dos 2000) que o salario nominal veuse incrementado a case 400 pesos cubanos (máis do doble que en 1989), mentras o salario real só chegou a representar o 24% respecto a 1989. Que significan 400 pesos cubanos? Co actual tipo de cambio, uns 16$. Evidentemente, só estamos contemplando os ingresos monetarios, o pago en especie supera con creces esta cifra (vivenda, alimentación, sanidade, educación, aseo, etc.). Por outra banda, o dato de 16$ representa 16 dólares sen ter en conta a paridade de poder adquisitivo ($PPA), o que cambiaría a cifra. De tódolos xeitos, facémonos unha idea de que os ingresos son mínimos.
Nesta análise non teremos en conta outras fontes de ingreso: por unha banda, estímulos á produción (moi comúns en especialidades do polo científico ou en profesións asociadas ás FAR) nen as remesas (segundo diversas fontes, entre un 55% e un 80% de cubanos reciben remesas do exterior, unha posición similar á de moitos países latinoamericanos). Se miráramos a capacidade adquisitiva real poderíamos atopar unhas diferencias sociais amplas e acrecentándose (o índice de Gini, medindo a desigualdade de renta, aumentou de 0,11 a 0,26 entre 1989 e 2006. Recordemos: 0 = igualdade total, 1 = desigualdade total. <0.3 = baixa desigualdade). Este xa é outro tema, aínda máis complexo, e que vai asociado ás políticas de liberalización económica das últimas 2 décadas. De tódolos xeitos, as estatísticas amosan que o salario supón máis do 50% dos ingresos medios da poboación cubana.
Agora, indo á economía doméstica, que se pode facer con 16$ se unha neveira costa 400$ (prezo medio), ou unha lata de TuCola 1,2$? Certamente, pouco.
Polo tanto, esta situación refléxase nun enorme descenso da produtividade (os empregos están asegurados, pero os salarios son tan baixos que non estás motivado a traballar, etc). Neste caso, todas as críticas ó socialismo pola súa “ineficiencia económica” poden verse. Precisamente sobre a base dun incremento da produtividade é do único xeito polo que se podería incrementar de maneira efectiva o salario real, o que explicarei nun momento.
Alternativas fallidas para o incremento do salario real:
a) Incremento do salario nominal => incremento do salario real. Non necesariamente ten que ser así. Se aumentas o salario pero non a produción, finalmente o incremento de masa monetaria tradúcese nun incremento de prezos, e o salario real volve ó momento anterior. Polo xeral, un incremento de salario nominal afecta positivamente ó salario real dun xeito ou doutro, pero o seu efecto pode ser (léase, tende a ser) moi limitado se non se asocia a un incremento da produción. Polo tanto, un incremento do salario nominal, per se, non nos sirve.
b) Descenso de prezos => incremento da capacidade adquisitiva. Falso. A mediados dos noventa, no periodo deflacionario, parecía que a capacidade adquisitiva podería recuperarse. Que pasa realmente en procesos deflacionarios (como ven nos ensina a actual crise estrutural)? Os prezos baixan, polo que a oferta diminúe, a produción diminúe, os beneficios diminúen e despedimos xente. Como Cuba levou a cabo unha política de supervivencia que se baseaba no non despedimento de poboación, tradúcese en descenso de salarios e descenso da produtividade. Total, un círculo vicioso que perxudica moito máis do que axuda.
c) Crecemento económico => Incremento dos salarios nominais e reais. Efectivamente, tende a ser así. Agora, até que punto o crecemento económico afecta ós salarios se se basea no incremento da produción extensiva? Volvemos ó problema da produtividade como forma de arrastre da economía, que, á súa vez, arrastre os salarios cara diante.
Visto isto, e tendo en conta as alternativas “viables” / “posibles”, partimos da base de que o único xeito de empurrar os salarios (e, de feito, o conxunto da economía) vai en base á produtividade. Pois malas noticias: se a produtividade non era xa baixa, en 2009 descendeu un 1.1%.
E con isto, entramos no terreo espiñoso! Que facer? Por unha banda está o incremento dos estímulos materiais. Unha das frases que se escoita moi a miúdo é a de “cando se cumpra o principio socialista da distribución en base ó traballo todo se solucionará”. Discrepo, pode axudar, pero tampouco vaiamos pensar que esto vai ser Hawai pasado mañá por iso. De tódolos xeitos, é un bo punto de partida: o incremento de estímulos á produción leva aparellados incrementos na produtividade. En base a isto naceu o “perfeccionamento empresarial”, que na actualidade rixe múltiples empresas cubanas, e que representan a punta de lanza da economía industrial do arquipélago. Sen embargo, o problema neste aspecto é que non existe unha base institucional para isto. A excesiva centralización (léase, burocratización), impide en moitos casos levar a cabo este proceso; ademáis, o país non é capaz de abastecer de incentivos ó conxunto da produción. Simplemente, non está capacitado.
Por outra banda, o tema que considero clave: un cambio no réxime de propiedade (Oh Dios mío! Cambio de propiedade en Cuba? Pero si son comunistas, vanche deportar!). Tranquilos, a propiedade da terra en Cuba é 100% privada, existen traballadores por conta propia, e hai cooperativas agrarias. Non me van fusilar, os cubanos non son tan dogmáticos como presenta El País cada 2 días. É evidente que na actualidade non existe unha conciencia social que vaia aparellada á propiedade colectiva. “O que é de todos non é de ninguén”, remata por dicirse. Polo tanto, levouse a descensos de produtividade enormes a medida que esta situación se ía xeneralizando (porque houbo unha época na que sí funcionaba ben). Polo tanto, unha posible solución sería o cambio do réxime de propiedade. Fai uns días tiven unha interesante discusión en clase, onde un rapaz propuxo a propiedade privada, e descubrinme sendo o único alumno que non a defendía. Cal é a análise? Se a propiedade privada é o réxime de propiedade que produce maiores índices de produtividade (o cal é, polo xeral, certo), utilicémola. Aquí a análise vai por dúas partes:
1. “Privatización” de pequenos negocios. Aquí referímonos, especialmente, ás empresas do sector servizos. O exemplo típico: un bar con 5 camareiros para 10 clientes e cunha cola de 4 persoas. Dende 1968, ca Ofensiva Revolucionaria, eliminouse a propiedade privada sobre os medios de produción (e isto vai dende unha refinería até o carpinteiro da esquina que ten 1 empregado). Parto da base de que foi un erro (Silvio Rodríguez tamén o dicía nunha entrevista fai un par de meses). Durante a transición ó socialismo é lóxico manter diferentes formas de propiedade coexistindo dentro do sistema, e beneficia á maioría de indicadores económicos. Polo tanto, nestos casos, a propiedade privada pode presentarse como unha solución
2. “Privatización” de grandes empresas / centros industriais. Privatizar sectores clave porque así incrementas a produtividade? Evidentemente, vai en contra de toda a lóxica do sistema económico cubano, e supón un incremento de desigualdades ás que non se está capacitado para loitar. É a eterna pregunta que se fai sobre se é bo privatizar empresas públicas, pero no marco dunha sociedade en transición ó socialismo. Síntoo moito, pero estou radicalmente en contra.
Entón, dito isto, hai algunha alternativa? Un tema candente é o da cooperativización. Dende fai un tempo viña lendo sobre isto, e na actualidade hai un debate bastante forte sobre se sería positivo un incremento de cooperativas (todas as semanas no Granma hai algo sobre iso). Por que defender as cooperativas? Se non existe unha conciencia social que apoie a propiedade colectiva, emprega as cooperativas como forma de revertir a situación: se os traballadores ven que os froitos do seu traballo se traducen directamente en beneficios para eles mesmos, incrementarase a produtividade. Favoreces a eliminación do roubo por parte dos traballadores, xa que entre eles terían que controlarse (e non a través de inspeccións, como agora). Por último, levas a cabo unha descentralización e otorgas unha capacidade de dirección ós traballadores que na actualidade, polo xeral, non teñen. O Estado non debe controlar todos os rubros da economía; de feito, o Estado non é capaz de facelo. De aquí que haxa tantos problemas nun sistema cunha propiedade totalmente colectivizada en certos sectores.
Agora, problemas (e isto sae dos manuais soviéticos sobre socialismo): se a revolución é un proceso irreversible, non ten sentido volver a formas “inferiores” de propiedade. Por outra banda, as cooperativas son a unión de produtores privados que se asocian, e que no futuro pasarán a formas colectivizadas de produción, non ó revés. É divertidísimo ler críticas ás cooperativas porque á hortodoxia non lle entra na cabeza. Chegados a este punto, eu quédome ca idea de que mellor dar un paso atrás para dar 2 pasos adiante no futuro, que estancarse e non buscar solucións.
O outro problema é totalmente institucional. Non sei até que punto se estaría capacitado no marco superestrutural para cambiar o réxime de propiedade. Polo tanto, non podo dicir outra cousa que de levarse a cabo, posiblemente sería un proceso longo e nada sinxelo.
E agora, opinións!

3 respuestas para “Salarios, produtividade e propiedade en Cuba”

  1. Jose dice:

    Está claro que o sistema actual fai auga por todas partes. Si a xente ten garantido os productos básicos, non é un incentivo para traballar o cobrar 20 Euros o mes……..Búscaste a vida para obter ingresos de debaixo das pedras. O propio sistema debería ser consciente de que fracasou en moitos aspectos: por qué a xente xóven non están co proceso revolucionario? por que non lle ven saída. Que o sistema capitalista sería mellor, non estou de acordo. Debería buscarse un sistema de incentivación para traballar. Eu creo que o que falta é a motivación. O sistema é inxusto, paga o mesmo o que traballa que o que non a rasca. Eso non ten futuro. Que as cooperativas non son solución…..si se deixaran o seu albedrío, veríamos, pero si tamén están controladas, non fixemos nada.
    De todas maneiras, os índices de Cuba siguen sendo os mellores de todo o seu contorno, e por algo será.Estarás de acordo conmigo, que o Proceso Revolucionario (que leva xá 50 anos), debe mudar, e os responsables dese proceso, deben incorporar sabia nova o Politburó, con novas ideas e adaptándose os tempos que corren (en todo o mundo).

  2. noa dice:

    é certo que o sistema económico fai chof por tódolos lados. Tamén é certo que se aos individuos llelo das todo xa non buscan nada polo que pelexar, e nese momento jodeuse o chiringuito. Pero claro, o sistema deles non funciona porque non está ben plantexado, baséase na confianza cega no individuo, e o noso está claro que tampouco, pq se o deles fai chof, o noso fai chof chof chof …
    nos tamén lle deramos moitas voltas a iso pero sempre nos acababamos pillando os dedos

  3. tuanai dice:

    o sistema capitalista chegou ó seu teito e quedou demostrado que non é válido, formando parte de nós si ou si, sen que ninguén aporte fórmula algunha de melloralo. o sistema deles, polo que estades a escribir, parece que ten maneiras distintas de plantexar, de mudar, de interpretar, de manter debate. Vamos que está vivo e que ten oportunidades.

Dejar una respuesta