Internet

Outro tema importante dos que se debe falar en Cuba: Internet
Moitas veces dise que en Cuba non se pode utilizar Internet porque os Castro son malos, que non queren que se informe á xente, e blablabla. A ver se dando un pouco de información sobre o tema se esclarece a situación e os motivos do que pasa sobre iso no país.


A realidade é que Cuba non ten fibra óptica. As empresas que conectan fibra óptica en toda a área do Caribe son dos Estados Unidos, polo que o bloqueo impide a súa conexión en Cuba. Se buscades os mapas de fibra óptica (síntoo, eu non os teño no PC), veredes como a conexión atravesa o Caribe rodeando a illa, xusto ó lado dela, polas augas internacionais, pero nada entra no país. Como non teñen redes de fibra óptica, todas as conexións teñen que realizarse por satélite, un procedemento moito máis caro e de peor calidade.
Polo tanto, a capacidade de conexión que hai en Cuba é moi limitada, e dado que existe unha economía planificada, trátase de distribuir.
Como se distribúe Internet e quen pode utilizalo?
A idea é que a xente que máis o necesita poida utilizar Internet. O “mercado” veuse “liberalizando”, e na actualidade pódese contratar Internet na casa, pero a uns prezos de tolos, así que a efectos reais esta posibilidade non existe. Polo tanto, queda utilizar Internet nos lugares onde o Estado considera que debe poñerse. A maioría que utiliza Internet faino dende os seus centros de traballo, onde xeralmente se pode acceder: todos os xornalistas teñen acceso libre a Internet, igual que os médicos. Por outra banda, os centros de traballo do Polo Científico (área de investigación médica / farmacéutica) tamén teñen acceso. A partir de aquí distribúese como se pode. No caso dos estudantes, créanse contas de acceso limitado: todos os estudantes de máis de 4º ano de carreira teñen contas con Internet, igual que todos os profesores. Os estudantes becados temos unha limitadísima conta de 6 horas semanais para o conxunto de estudantes da residencia (que, evidentemente, non chega a nada) e de outras 4 horas para o uso de correo internacional. Sobre todo para os estudantes estranxeiros é vital isto, porque é como se poden comunicar ca familia.
Por outra banda, existe acceso a Internet nos hoteis. Son os cibers cubanos: cada hotel ten varias computadoras con acceso a Internet a uns prezos tamén medio de tolos (como todos os servizos a turistas): os prezos varían dependendo das estrelas do hotel, pero o máis barato (polo menos que eu atopara) é 3 CUC (3$) por media hora de Internet. Por outra banda, as redes inalámbricas non existen, con 2 excepcións: o Hotel Meliá Cohiba (na Habana) ou no Meliá Santiago de Cuba (en Santiago), nin sequera todos os Meliá proveen este servizo, que eu coñeza só estos 2 casos. Evidentemente, tampouco é gratis, o prezo é de 12 CUC (12$) por 2 horas.
Esto é o que utilizo eu. A conexión inalámbrica permíteche conectar / desconectar en calquera momento, así que me conecto, copio os correos e desconecto, polo que ó final sae bastante barato. Teño tamén a opción de conectarme gratis na Asociación Cubana de Nacións Unidas por participar en HAVMUN, pero só teñen 3 computadoras e hai bastante xente sempre.
Por outra parte, sempre se pode conseguir Internet “pola esquerda”. É inevitable que exista certo grado de corrupción dadas as restriccións que existen para usar Internet (teñan ou non sentido). Polo tanto, ó final hai xente que consigue ter Internet na casa dalgunha forma rara. O normal é sobornar a quen conecta a liña nalgún sitio, polo que estos solicitan un par de liñas de máis, e así sacan algunha a algún civil ó que non lle correspondería. Sei de algunha casa que funciona como ciber a 3CUC (3$) por hora, e teñen unha lista de espera da cantidade de xente que vai alí mirar Internet, polo que se consigue bastante diñeiro se consigues ter Internet na casa…
Por outra banda, un dos acordos no marco do ALBA que firmaron Cuba e Venezuela é que este último se compromete a levar fibra óptica até Cuba, obras que comezaron no 2009. Dise que as obras rematarán por 2012, polo que se supón que nun futuro non moi lonxano Internet poderá chegar a Cuba de forma normal.
Ademáis, na actualidade en Cuba existe unha especie de Intranet, que só funciona en Cuba. É un Internet moi básico xestionado directamente dende aquí. Sinceramente, non o utilizo case nunca, pero ten algunhas cousas útiles, como unha wikipedia, e os organismos oficiais cubanos teñen páxina aquí. A ventaxa é que funciona xenial, así que non perdes o tempo esperando.

3 respuestas para “Internet”

  1. Nune dice:

    Unha explicación xenial! Non tinha nin idea da metade das cousas…
    Ten o seu mérito escribir un blogue sen poder ter internet a miúdo. Parabéns! (:

  2. noa dice:

    Eu normamente conectaba dende o hotel, os primeiros días e pagaba algo caro o asunto pero eche o que hai, despois xa o facía dende as oficinas de telefonía nacional coa tarxetiña que tamén é bastante cara.
    É lento, lento pero eso de que hai restriccións segundo as páxinas es un poco de mentira, bueno non, é mentirísima. Non creo que por non ter internet na casa vaian morrer de desinformación, aquí os occidentais témosche moita tontería.

    Saúdos!

Dejar una respuesta