Archivo para 18. Mayo 2010

SUCRE

Como algunha xente saberá, un dos últimos acordos no marco do ALBA foi a creación do SUCRE, un mecanismo económico que trouxo bastante polémica dende que se comezou a falar do proxecto, e que finalmente comezou a funcionar o 1º de Xaneiro deste ano.
Que é o SUCRE? Pois, as siglas significan Sistema Unificado de Compensación Recíproca. Como o seu nome indica, é un simple sistema de compensación. Moita xente pensou que o SUCRE chegaría a ser unha moeda nalgún momento que englobaría ós 8 países membros do ALBA, pero iso é algo que pode pasar a longo prazo (e cando falo de longo prazo, é de LONGO prazo). O SUCRE, na actualidade, non representa nin unha unidade de conta macroeconómica, e tampouco funciona como moeda virtual (o euro naceu como moeda virtual, 2 anos antes de súa posta en circulación física).
Entón, se non é nada diso, para que sirve o SUCRE? Pois, dende logo, moi boa pregunta. Eu estiven os últimos 4 meses preguntándomo, e parece que non fun o único, porque nin entre os profesores da facultade existe consenso sobre a súa utilidade, uso e perspectivas.
Moi sinxelamente, a idea do sistema de compensación foi a de diminuir a utilización de divisas (léase, dólar) no comercio entre estos países. Sobre esta base, recolléronse datos sobre a moeda de cada país membro do programa (non todos os países do ALBA suscribiron o uso do SUCRE), tendo en conta o seu tipo de cambio, fíxose unha bolsa de moedas lixeiramente apreciada respecto ó dólar e asignouse unha cantidade de SUCREs por país. O funcionamento é simple: con esos SUCREs podes comerciar con outro país membro; cambias SUCREs pola moeda nacional do país co que comercias, e en 6 meses o país ó que lle mercaches ten que facer unha transacción inversa ca que che devolve os SUCREs que ti utilizaches. Se pasan 6 meses sen esta compensación, tense que facer o pago en dólares, tendo en conta o prezo inicial pagado en SUCREs.
Na actualidade os SUCREs só están funcionando sobre un límite de produtos, polo que a súa difusión tamén é máis limitada, xa que existen sectores que quedaron fóra do proxecto.
Polo momento só se fixo unha transacción en SUCREs: Cuba mercoulle a Venezuela arroz co sistema de compensación, e así non tiveron que utilizar divisa. Agora Venezuela debería facer un intercambio á inversa, que aínda non se levou a cabo. A integración en América Latina faise pouco a pouco, e dende logo esta non vai ser a excepción. A ver como está a situación nun par de anos, pero, dende logo, parece un proxecto económico interesante.

|