- Actos Oficiais (18)
- Blog (14)
- Cine (5)
- Economia (6)
- Educación (11)
- Fotos (28)
- Historia de Cuba (14)
- Imperialismo (14)
- Libros (12)
- Música (7)
- Personaxes Históricos (7)
- Presentación (2)
- Residencia (13)
- Sanidade (2)
- Sistema Electoral (3)
- Trámites (3)
- Viaxes (22)
- Vida en Cuba (21)
- Xornalismo (11)
- 30. Agosto 2010: Novo blog sobre Cuba!
- 21. Julio 2010: Nun camello!
- 16. Julio 2010: Centro Galego da Habana
- 12. Julio 2010: Medios de transporte (II): Transporte interprovincial
- 9. Julio 2010: Rematei os exames!
- 6. Julio 2010: Medios de transporte (I): Transporte urbano
- 5. Julio 2010: Posts do mes de Xullo
- 1. Julio 2010: Viaxe a Las Tunas
- 22. Junio 2010: Matrículas
- 21. Junio 2010: Problemas no teclado
Blogroll
Os medios de comunicación en Cuba
Outro dos posts que tiña ganas de escribir. Aproveito que onte fixemos unha charla na beca sobre os medios de comunicación en Cuba con 2 xornalistas do diario Juventud Rebelde, e así podo falar con máis coñecemento de causa (e de paso para dicir que en Cuba hai debates, e pódense expresar as opinións que un queira, para esa xente que só fala paiasadas sobre o país). Este é dos temas onde máis crítica se fai, tanto aquí como fóra, así que a ver se dou escrito as cousas con xeito.
Falarei esencialmente dos medios de prensa impresa, porque non teño televisor nen radio na área da beca, así que pouco podo falar por esa banda. É ben sabido que en Cuba hai 2 xornais, o Granma (Órgano Oficial do Comité Central do Partido Comunista de Cuba) e o Juventud Rebelde (que depende da Unión de Jóvenes Comunistas). Vindo dende Europa, o formato chama moitísimo a atención: cada un dos xornais ten 8 páxinas, polo que como moito nun día vas poder ler 16 páxinas. En ambos xornais hai sección nacional, internacional, cultura e deportes. As 2 páxinas restantes son a portada (que contén noticias completas, non só titulares) e a contraportada (xeralmente con algún reportaxe).
Cada organización de masas ten tamén o seu propio órgano, pero que non é diario. Os Comités Provinciais do Partido teñen un órgano semanal (na Cidade da Habana é o Tribuna de la Habana), a FEU ten unha publicación creo que mensual chamada Alma Mater, a Central de Trabajadores de Cuba publica semanalmente o Trabajadores, etc.
É evidente que o Partido de vangarda necesita un órgano de difusión, pero tamén está claro que aparecen moitos problemas con iso. En “100 horas con Fidel”, a entrevista de Ramonet, afirma que “os medios de comunicación están nas mans da Revolución”, pero na actualidade os medios están plegados na súa maior parte cara o goberno, e perderon o seu significado, polo excesivo oficialismo que levan enriba. Un dos xornalistas dicía onte que os primeiros 10 minutos de telediario son propaganda ideolóxica, e concordo con el, do mesmo xeito que nos xornais. É evidentemente que todo medio de comunicación leva implícita unha ideoloxía, pero en Cuba cométese o erro de que se fai tan explícita que se volve totalmente cansina; como ben se dicía onte, a crise dos medios de comunicación en Cuba vén dada pola falta de credibilidade. Un caso paradigmático é o dos 5 heroes, que saen na prensa todos os días, a veces incluso na portada, e así durante os últimos 10 anos. Con ese bombardeo, non é que perdas o interese, e que chegas a dubidar se o que están dicindo é certo.
Lendo un libro de Pascual Serrano (fundador de www.rebelion.org) fai uns meses, falaba de que o control dos medios nos Estados Unidos era o maior do mundo. Bueno, a situación en Cuba vén sendo parecida, porque o control dos medios permite informar totalmente do que queiran. Outro caso paradigmático: a morte de Orlando Zapata informouse no Granma 3 días despois da súa morte nunha nota oficial do CC do Partido, cando xa todo o mundo se enterara pola prensa estranxeira do que estaba a pasar, sen recibir en ningún momento unha posición oficial, o que fixo que na práctica foran os medios hostís a Cuba os que posicionaron ós cubanos sobre o tema.
Respecto a isto, en Cuba non existe a prensa amarela ou sensacionalista, o que foi a “excusa” para que non se informase antes do caso. Alédome moitísimo de que non exista prensa deste tipo (non existen os programas de prensa rosa nen revistas estúpidas do estilo Hola), pero non creo que o caso dun tipo en folga de fame sexa sensacionalismo.
Tamén hai que ter en conta a situación do país. A nivel internacional, a situación sobre a illa está tan parcializada que moitas veces é “necesario” autocensurarse para evitar ataques do exterior. Fai un tempo fíxose un artigo (creo que para Juventud Rebelde) no que se falaba sobre se nas escolas preuniversitarias do campo había sexo entre os estudantes (algo que se saíra en calquera medio Occidental pasaría sen pena nen gloria), pero un par de medios estranxeiros captaron a noticia e sacaron un titular que dicía algo así como “Descontrol sexual entre los estudiantes cubanos”, o que foi unha total desvirtuación da noticia. Se iso pasa cunha noticia deste estilo, hai que recoñecer que é necesario ter certo coidado polo que che poidan atacar despois dende fóra.
Por outra banda, véñense tomando medidas para cambiar esta situación. Liberar os medios de prensa sería unha solución? Pois bueno, hai múltiples posicións ó respecto, pero ténselle bastante medo porque esa mesma medida tomou Gorbachov no marco da Glasnost, o que fomentou a manipulación informativa dende o exterior. Ademáis, non existen as condicións económicas para comezar a producir tantos xornais.
Sen embargo, dentro do marco actual está habendo reformas bastante interesantes. Na edición ampliada do Granma (os Venres a súa edición é de 18 páxinas, para compensar que o Domingo non sae) hai 2 páxinas adicadas a publicar cartas de lectores para crear debate sobre X temas ou presentar queixas. Se te queixas de algo e sae no Granma, o máis posible é que se resolva e á semana seguinte saia unha nota dando explicacións (problemas da burocracia…). Nestos momentos estase dando un debate bastante interesante sobre a cooperativización do sector da gastronomía, pero tamén se fala doutras cousas, como o suministro eléctrico ou o transporte (do que falarei nuns días). No Juventud Rebelde hai unha sección diaria para enviar queixas sobre problemas, que tamén se soen resolver unha vez se publican (máis problemas de burocracia!), e moitas veces fan reportaxes sobre cousas que non están funcionando ben para que se tomen medidas (houbo algún que chegou a causar moitísima polémica, en relación á Revolución Enerxética ou á entrega de terras ociosas). Igualmente, a aparición de Telesur (unha iniciativa do ALBA para a comunicación no conxunto de América Latina) está axudando a mellorar a mediocridade dos telediarios da televisión cubana, pero é unha idea que aínda leva pouco funcionando e que é necesario ampliar.
En definitiva, as cousas podían estar peor, pero non están para nada ben, aínda que ós poucos se vai mellorando. Non alongo máis o post para ver se preguntades vós, que no fondo é o interesante!
18. Junio 2010 en 01:14
Moi bo post.
Coa información que tiña desde aquí, o tema do xornalismo sempre foi unha das cousas que menos me gustaban da Revolución, e co que ti contas pois reafírmome.
Por razóns obvias opóñome ao control político dos medios de comunicación. E en Cuba haino. Cómpre deixar aos profesionais que desenvolvan o seu traballo libremente, sen inxerencias do goberno ou do poder económico. Non sería posíbel construír medios cooperativos? Isto posibilitaría que sexan os traballadores (xornalistas, e polo tanto profesionais) os que fixen liña editorial e criterio informativo.
Saúdos!
18. Junio 2010 en 01:43
Unha pregunta. Como vai o acceso aos medios estranxeiros? Alén de internet, claro. Véndese por aí prensa latinoamericana ou europea? Vense TVs de outros países?
18. Junio 2010 en 11:57
Supoño que a razón pola que o Gramma ten tan poucas páxinas é pola falta de papel que hai na illa, non é posible facer un xornal máis grande coa tirada completa con esa falta de recursos, pero isto é unha suposición que confirmei falando con algunha xente pero sei se é só por iso.
Polo que puiden ver si teñen acceso a canais internacionais, eu vía telexornais internacionais case tódolos días en cafeterías ou hoteis do estado, pero creo que é como aquí que hai que pagar.
Para min a autocensura é imprescindible polo que dis ti, hai que ter coidado de co que se publica porque os medios internacionais danlle a volta para convertelo en carnaza, creo que se trata simplemente dunha cuestión de bo siso.
19. Junio 2010 en 17:27
@Duarte: A ver, varias cousas! Primeiro, non estou de acordo contigo en que non ten que haber control dos medios (agora é cando loqueas e me dis 1000 cousas!:D) O control é necesario, igual que hai control na xustiza ou hai control cos traballadores dunha fábrica. Se non, en nome da liberdade de prensa, das pé a mentir e a manipular todo o que queiras. O problema é como levas a cabo ese control…E en Cuba faise mal.
O dos medios cooperativos é unha boa idea. Tamén me parece interesante que os medios sexan públicos, pero que se acceda a eles mediante oposición feita polo Estado e que accedan os mellores, como para outras prazas públicas
O dos medios estranxeiros, véndense xornais internacionais nalgúns puntos moi específicos e xeralmente para turistas. É practicamente imposible que un cubano vaia mercar un xornal en papel dentro do país de forma legal
@Noa: sobre a TV, pois efectivamente pode verse en hoteis e en lugares con permiso para iso, pero é ilegal ter unha parabólica na casa para coller canais internacionais. A resposta oficial é que a propaganda que se fai contra Cuba nos medios internacionais é tal que non queren inxerencia mediática, e teñen parte de razón, porque en Miami están Radio Martí e TV Martí, que veñen financiadas pola CIA e os antigos latifundistas cubano-americanos, e só falan merda do país. Pero bueno, non sei eu até que punto está ben facer iso
Por outra banda, o dos recursos tamén é importante. Non poden facer un xornal de 40 páxinas diarias porque non teñen de onde sacar tanto papel, pero aínda así, 8 páxinas son nada!
E o problema da autocensura é até que punto a tes que aplicar e cando non, porque se tes a razón non sei eu para que vas andar ocultando cousas.
19. Junio 2010 en 23:16
@Outes: Cómpre diferenciar entre un medio controlado e outro que se axuste á legalidade. O que non se pode permitir son as difamacións ou as inxurias. E iso é unha cuestión que vai por vía xudicial. Ti advirtes dos perigos de agochar baixo a liberdade de prensa mentiras e manipulación. Mais é tan perigoso como iso crear organismos de control que poidan decidir arbitrariamente que é aceptábel e que non. Por exemplo, non creo que os medios de contrainformación ou xornalismo alternativo obxectivamente manipulen menos que os da mafia de Miami. Uns valen e outros non? Non me parece xusto. Por iso creo que os criterios que teñen que primar son os profesionais.
Co tema da autocensura estou totalmente en desacordo. Non podes condicionar a información que lle dirixes ao pobo de Cuba ou a calquera pobo do mundo en función do que vaian dicir de ti no estranxeiro, por moi complicada que sexa a situación internacional do país. O xornalismo é un servizo público e adquire un compromiso coa cidadanía, non coa política exterior dunha determinada nación.
22. Junio 2010 en 18:34
@Duarte: Os organismos de control deben estar ben feitos para asegurar que o que é aceptabel ou non sexa o correcto, igual que pasa cos organismos de control de calquera elemento da superestrutura, como a xustiza, a educación, a policía ou a medicina. Non entendo que fai ó xornalismo tan escepcional como para que estea suxeito unicamente a “criterios profesionais”, porque tamén por criterios profesionais se pode rexir calquera cousa e xa non é necesario o control público en nada. Dende logo, os medios de contrainformación potencialmente manipulan tanto coma os medios de (des)información tradicionais, pero porque están suxeitos á mesma ausencia de legalidade sobre o xornalismo que practican. Ningún dos dous me vale máis que o outro por ser alternativos ou non, eso está claro! Eu leo e decido, pero esa capacidade crítica por parte dun lector non sempre é correcta, e moito menos da inmensa maioría de lectores, que non saben o que é un medio alternativo…Teñen que existir unhas pautas ás que se teñen que amoldar os medios, se non en ningún momento a prensa será mínimamente obxectiva ou imparcial.
Como ti ben dis, o xornalismo é un servizo público que adquire un compromiso ca cidadanía. Póñoche un exemplo, baseado nesa liberdade de prensa: Yoani Sánchez escribiu unha carta aberta totalmente difamatoria contra o goberno cubano, e foi leída no Senado dos Estados Unidos por un senador republicano. Esta carta foi o motivo de maior peso para que se prolongara o bloqueo durante o ano 2010. Pois xenial, vaia compromiso ca cidadanía…E iso tampouco é compromiso ca política exterior, é compromiso ca política interna.
E iso por non falar da “liberdade de prensa” en América Latina, só con ver o papel de FEDECÁMARAS no golpe de Estado a Chávez en 2002 e a quen respondía Carmona o Breve xa queda todo claro. Non sei eu que criterios profesionais teñen esos tipos!