Archivo para 22. Junio 2010

Matrículas

Unha cousa que chama a atención en Cuba é o sistema de matrículas. Todos os vehículos están identificadas por unha letra que nomea a provincia, e 2 letras máis e 3 números para catalogalos. Esa é a parte sinxela, porque despois establécese un código de cores determinado pola propiedade do propio coche. Entón, cando vas pola rúa ves autos con matrículas de múltiples cores que ó principio non tes a mínima idea do que significan. Se non se me queda nada, as cores son as seguintes:
Amarelo: vehículos privados. Evidentemente, os vehículos que teñen un propietario privado. Neste grupo están a inmensa maioría de coches dos anos 50 que aínda circulan, e bastantes Lada e Moskvich, os modelos rusos que entraban nos anos 70 e 80. Podes ver algún coche moderno con placa amarela, pero é algo moi improbable
Azul: vehículos estatais. A maioría das matrículas son desta cor. Todos os vehículos públicos teñen esta matrícula (como taxis ou autobuses), pero tamén moitísimos coches cuxa propiedade é estatal, e que se distribúen entre a poboación en función das necesidades. Este “usufructuario” é o encargado de utilizar / coidar o coche, e o Estado resérvase a posibilidade de darllo a outra persoa polo motivo X.
Verde: vehículo militar. As chapas verdes levan unha inscripción na parte inferior, en dependencia de se dependen do MININT (Ministerio do Interior) ou ás FAR (Forzas Armadas Revolucionarias). Aquí están todos os autos que dependen directamente do exército, pero tamén vehículos para cadros militares ós que se lle concede un medio de transporte propio.
Marrón: vehículos asignados a cadros civiles. Soa moi espectacular, pero normalmente os vehículos de chapa marrón non son moita cousa. Xeralmente Ladas do ano da pera e bastante gastados, é normal ver chapas azuis en mellores condicións que as marróns
Laranxa: Vehículos de empresas mixtas. Concédenselle a determinados traballadores estranxeiros que están en Cuba, ou a cubanos que traballan para empresas mixtas. Tamén son relativamente modernos, pero hai de todo
Negro: Vehículo diplomático. Todas as embaixadas teñen chapa negra, e estos sí son cochazos. Os únicos coches realmente modernos (con excepcións verdes e brancas) que atopei son de matrícula negra.
Vermello: A vermella tamén se divide en dous tipos: Se leva unha T ó comezo é un vehículo de alquiler para turistas, e se leva unha P ó final é que a matrícula é provisional.
Branco: Membros do Consello de Estado ou de Ministros. Os supercadros teñen estos coches. Eu vin como 2 ou 3 dende que estou aquí, e faise curioso, porque dentro do coche, evidentemente, vai alguén importante do goberno.
En fin, un lío para cando chegas, pero rematas por acostumarte!

|