Archivo de la Personaxes Históricos categoría

Marcha das Antorchas

O 28 de Xaneiro naceu José Martí, e para conmemoralo, o 27 de Xaneiro pola noite realízase unha marcha. Ás 12 da noite do 27, comeza a Marcha das Antorchas.
Dende 1953 vense realizando este acto en memoria do prócer cubano. Se algo teñen os cubanos é que saben organizar marchas, e en lugar de facer un acto sobre a vida de José Martí o que fan é unha manifestación con antorchas pola cidade, dende a Escalinata da Universidade até o Malecón. Na marcha participan sobre todo estudantes universitarios (foron as FEU as que o “inventaron”), pero tamén podes ver membros das FAR (Forzas Armadas Revolucionarias), agregados do MININT (Ministerio do Interior), estudantes non universitarios e civiles.
Na escalinata congrégase a xente dende as 10 da noite até as 12, que comeza o acto. Alí dan petróleo e algo para queimar, e se tes un pouco de sorte incluso pode que consigas a antorcha. A maioría da xente levamos a antorcha xa feita da casa. Un breve resumo de como se fai unha antorcha na nosa beca:
Colles un pao calquera (como por exemplo o pao da escoba), e fas un burato na súa parte superior por un lateral, onde terás que meter un tornillo (como por exemplo un tornillo da porta rota da habitación de diante). Consigues unha lata (mellor que non sexa de refresco, porque hai que cortala. No noso caso foi unha lata de salchichas en conserva, graciñas pola comida mami!). Utilizas o tornillo para enganchar a lata á parte superior do pao (onde fixemos antes o burato) e apretas. Xa temos unha antorcha! Colles calquera trapo (como por exemplo a camiseta vella para durmir de Edel, e marchas para a Escalinata.
Edel ca “antorcha”:

É verdadeiramente impresionante ver toda a rúa chea de xente con antorchas. A xente das FAR leva unha bandeira cubana enorme, que iluminada cas antorchas queda realmente ben. Polo demáis, típico acto en Cuba, con cancións de Silvio antes de comezar, e arengas durante toda a marcha. Chama moito a atención que non hai ningunha consigna, a xente non berra nas manifestacións en Cuba, o que as fai máis aburridas. Só cando a xente da megafonía berra “¡Patria o muerte!”, os manifestantes contestan “¡Venceremos!”, ou “¡Vivan Fidel y Raul!”, que se di “¡Vivan!”, pero dende a xente, de forma espontánea, non sae nada.

27 de Novembro: día polos Mártires de Medicina

Dende fai xa unha semana tiña pendente este post, pero tiven un par de exames esta semana, así que tiven que deixalo para a fin de semana.
O 27 de Novembro conmemórase o fusilamento dos mártires de medicina. Este ano foi o 138 aniversario. É unha boa mostra do que era o imperialismo español
Que pasou o 27 de Novembro de 1871?
O día 23 de Novembro dese ano uns estudantes de primeiro ano de medicina foron a clase, e como non asistiu o profesor saíron xogar. Ó lado do centro de estudos atopábase o Cementerio de Espada, e estiveron na porta xogando cunha carretilla, e incluso un deles arrancou unha flor do xardín! [E a xente dirá: xogando cunha carretilla universitarios? Nesa época había estudantes que tiñan até uns 14 anos]. Facía uns días morrera o xornalista español Gonzalo Castañón nos Estados Unidos nun duelo cun cubano. Este xornalista resultaba ser un valuarte do colonialismo e a anexión total de Cuba por España. Así, as autoridades españolas de Cuba decidiron unha vinganza: deter a todos os alumnos que o día 23 de Novembro estiveran xogando na porta do camposanto, onde estaba soterrado Gonzalo Castañón, baixo o pretexto de que profanaran a súa tumba [É importante dicir que nunca se probou esta profanación, porque moitísima xente pensa o contrario] Un total de 45 estudantes foron detidos, só salvándose 3 ausentes ese día e un sanitario español que foi deixado en liberdade. Posteriormente serían liberados os dous fillos de españois que había na aula e dous cubanos que eran familia do propio xuiz.

Ver resto de la entrada »

Que é Revolución?

Unha das grandes citas de Fidel:

Revolución é sentido do momento histórico; é cambiar todo o que debe ser cambiado; é igualdade e liberdade plenas; é ser tratado e tratar ós demais como seres humanos; é emanciparnos por nós mesmos e cos nosos propios esforzos; é desafiar poderosas forzas dominantes dentro e fóra do ámbito social e nacional; é defender valores nos que se cre ó prezo de calquera sacrificio; é modestia, desinterés, altruismo, solidariedade e heroísmo; é loitar con audacia, intelixencia e realismo; é non mentir xamais nen violar principios éticos; é convicción profunda de que non existe forza no mundo capaz de aplastar a forza da verdade e as ideas. Revolución é unidade, é independencia, é loitar polos nosos soños de xustiza para Cuba e para o mundo, que é a base do noso patriotismo, do noso socialismo e do noso internacionalismo.

La historia me absolverá

Célebre autodefensa de Fidel Castro nos xuizos realizados contra os asaltantes ó Cuartel Moncada en 1953.
Como avogado, permitíuselle a Fidel realizar a súa autodefensa. Este alegato dunhas 60 páxinas volveuse célebre e converteuse en libro.
É un dos textos máis destacados da historia revolucionaria. De forma moi clara, Fidel fai unha análise de como se estaba a celebrar o Xuízo contra os asaltantes e as contínuas presións da tiranía de Batista; Caracteriza brevemente a situación socioeconómica de Cuba durante os últimos anos (Fidel estivera illado durante a súa preparación da defensa, é moi interesante ver como é capaz de aportar datos bastante concretos sobre desemprego ou pobreza sen comunicación co exterior). Critica moi duramente a posición tomada polo Goberno unha vez os guerrilleiros deciden retirarse, producíndose máis de 70 asasinatos durante unha semana sen proceder a detención algunha (sen dúbida esta parte é a máis intensa: como narra torturas por parte do exército ou asasinatos que despois se quixeron encubrir como suicidios). Por último, defende legalmente os seus actos sobre a Constitución cubana de 1940, e explica o seu programa político, baseado en 5 puntos básicos.
Libro clave para coñecer o proceso revolucionario cubano e a posición do seu máximo dirixente. É unha moi boa forma de ver a capacidade intelectual de Fidel Castro, independentemente da ideoloxía de cada un.
Moi recomendable!

Juan Almeida Bosque

Como non podía ser doutra forma, teño que escribir unha pequena entrada sobre a vida do Comandante Juan Almeida Bosque. Toda a información está sacada do Granma, Juventud Rebelde e Tribuna de la Habana destos días, así que posiblemente na wikipedia atopedes máis sobre el. Pero bueno, por intentalo que non quede! Ver resto de la entrada »

Xornada de Duelo Nacional pola morte de Juan Almeida Bosque

O día 13 de Setembro, dende as 8 da mañá ás 8 da noite, foi xornada de Duelo Nacional pola morte do Comandante Juan Almeida Bosque. Todos os edificios públicos ondearon a bandeira cubana a media asta (algunhas embaixadas, como a de Guinea Bissau, tamén fixeron o propio ca súa bandeira), e en todas as capitais viñéronse celebrando diversas actividades en conmemoración do Comandante. O propio Almeida deixou escrito que non quería un acto de grandes magnitudes, polo que o seu corpo non foi ensinado ó público, e despois da súa incineración será soterrado nunha cerimonia con Honores Militares, pero sen grande presencia pública, na cidade de Santiago de Cuba, á que estivo moi vinculado durante toda a súa vida como guerrilleiro.
A Praza da Revolución da Habana pechouse durante todo o día para presentárselle alí respeto ó Comandante. No Memorial José Martí instalouse un pequeno espazo cunha foto e varias citas sobre el. Moitas delegacións internacionais levaron até alí flores, que pousaron ó redor do edificio.
Non podería dicir o número de miles de persoas que alí estabamos, pero a cola para a entrada era de máis de medio quilómetro. Estiven esperando para poder entrar máis de hora e media, e até as 8 da noite o fluir de xente era contínuo.
Dende a miña Beca organizouse unha camiñata até a Praza para que os estudantes que aquí estamos fóramos xuntos. Eu marchei demasiado cedo pola mañá, e non me enterei até a tarde, polo que non puiden ir con eles, e non sei se houbo algún acto feito polos estudantes.

Morre o Comandante da Revolución Juan Almeida Bosque

O día 11 de Setembro, ás 23:30, morreu dunha parada cardiorrespiratoria o Comandante da Revolución Juan Almeida Bosque.
Segundo de 12 irmáns, obreiro albañil até o ano 1952, onde se vinculará ó movemento fronte a Tiranía de Batista, estará sempre unido á figura de Fidel Castro. No ano 1953 participa no fallido asalto ó cuartel Moncada, e estará preso con Fidel na Illa dos Pinos até a amnistía. Exiliado en Mexico cos dirixentes do Movemento 26 de Xullo, formará parte no desembarco do Granma en 1956. Durante a loita revolucionaria foi fundador do Exército Rebelde e Comandante do Terceiro Frente Guerrilleiro.
Dende a fundación do Partido Comunista de Cuba formará parte do seu Buró Político, á vez que será Deputado na Asamblea Nacional do Poder Popular de Cuba dende a primeira lexislatura á actualidade.
Levou a cabo unha relevante labor cultural, con máis de 300 cancións compostas e unha docena de libros publicados
É o autor da famosa frase “Aquí no se rinde nadie, carajo!”. Durante o desembarco do Granma (que o Che calificou máis como un naufraxio), un dos esbirros do Tirano berroulles que se rendisen, e esa foi a súa resposta. Despois de 2 semanas perdidos en pequenos grupos, será un dos 7 supervivintes que se reunirán en Cinco Palmas (Onde Fidel dixo o de “Ahora sí ganamos esta guerra”).
O Domingo día 13, será Duelo Oficial en todo o país de 8 da mañá ás 8 da noite.
Perdeuse un dos heroes máis grandes da Revolución cubana.

|