Archivo de la Trámites categoría

Permiso de Residencia!

Xa teño o meu permiso de Residencia!! Así que a partir de agora, como reza o artigo 34 da Constitución de Cuba, teño iguais dereitos e deberes que un cidadán cubano! Yujujuuu

Día 28: Máis trámites e segundo paseo pola Habana.


Música: Suso Vaamonde – Compañeiro Daniel

Probablemente este sexa a última entrada na que conte o que fago no día a día. Como esto o len meus pais e tal, era para que estiveran enterados de como ía o proceso e non se volveran tolos a 1ª semana por non saber de min. A partir de agora escribirei sen orde cronolóxico.

A viaxe en bus dende Habana del Este ó Vedado no P11 faise impresionante. Nunha zona podes ver toda a liña de costa (sen especulación urbanística, que movida!), e sorprende pensar que estás mirando a costa de Miami ou partes de México.

Nestos días voume dando conta do fácil que se ganan o respeto os cubanos. Cunhas poucas palabras, e a mirada que teñen, fanche respetar moitísimo a unha persoa que non coñeces de nada. Ou ben no autobús alguén che pide algo de espacio, ou falas cun administrativo, ou mesmo co persoal de limpeza, causan sempre unha sensación de igualdade cara ti que non podes ver en ningunha outra parte.

Hoxe tocaban máis roios administrativos: imos falar de novo con Damarys, que nos di que non pode recoller o pasaporte e as fotos (que sacamos o día anterior pola tarde), porque a rapaza a quen llo ten que entregar (Miosotys, vaia nome joder!), non estaba o Venres. Total, que temos que volver o Luns polo puto permiso de Residencia. Menos mal que temos un visado de 1 mes, porque a este ritmo…O bo da conversa con Damarys é que nos atopamos con 2 alemáns que xa víramos onte, na mesma situación que nós. Un deles díxome que estaba buscando un equipo de fútbol onde xogar, se me animaba; pena que tiveramos que marchar para seguir cos trámites, a ver se o atopo polo Campus e o falamos, que xa son horas de facer amigos…

Saímos cara a Facultade de Filosofía, onde Lucía recolleu o seu horario e cambiou as materias que non podía cursar por problemas cas horas de clase. Primeiro apagón! Foise a luz uns 20 minutos en todo o edificio mentras Lucía facía o horario. Foi bastante divertido realmente, a xente está bastante acostumada, pero estabamos alí varios estranxeiros e foron as risas. O certo é que a situación é unha mezcla entre romanticismo e vivir no Terceiro Mundo, pero todo sigue funcionando igualmente, con luz ou sen ela. Até o de agora (xa é Luns cando escribo isto) non tivemos máis problemas nese sentido.

Como xa era tarde, comimos algo por onde puidemos (xa temos peso cubano!), e paseamos pola cidade. Chegamos á Praza da Revolución e comezou a chover. Non podo explicar a sensación de estar vendo ó Che a un lado, a José Martí ó outro, no medio dunha plaza tan sumamente grande mentres cae auga e petas con ráfagas de vento quente. Espectacular.

Baixamos ó Malecón totalmente empapados, pero así como chove sae o Sol, e en media hora xa nos volvíamos a estar asando. O calor vainos matar até que nos acostumemos.

Viaxe de volta e a durmir, que o Sábado e o Domingo van ser para coñecer algo da cidade.

Día 27: Papeleo e primeiro paseo pola Habana


Novo día na Habana! Despois dunha boa noite con moitísimo calor, pola mañá saímos cara o Vedado para seguir realizando trámites. Hoxe toca a oficina de relacións internacionais, para tramitar o noso permiso de Residencia, así como os permisos para poder entrar na facultade e na Residencia. Todo transcurre con moita calma, se hai algo que os cubanos non teñen, é prisa. No primeiro edificio que visitamos, falamos directamente ca Directora de Relacións Internacionais, unha señora chamada Nancy, moi agradable, que cursou o Master en Compostela; que nos tramita unha carta pola cal podemos ir ás nosas respectivas Facultades para obter os nosos horarios e formalizar a nosa estancia. Envíanos a outro edificio para falar cunha rapaza que se chama Damarys (a maioría dos nomes son así de raros por aquí…), que será a encargada de tramitar os papeis da residencia e o permiso de residencia no país.

Os primeiros problemas ocorren aquí: necesitamos fotos para o permiso de residencia no país, polo que o teremos que facer todo o próximo día. O que sí conseguimos é a residencia, na que entraremos o Domingo pola mañá (por certo, eu estou no piso 16 e Lucía no piso 19, pero por agora o ascensor funciona!)

Como xa pasaban das 2 da tarde todo estaba pechado para seguir facendo trámites, así que decidimos ir ó Hotel Meliá Cohiba (o que máis cerca queda da Residencia), para poder utilizar Internet (necesitabamos falar con Clara, a outra rapaza que vén de convenio), dende onde posteei as últimas 3 entradas.

O edificio está ó lado do Malecón, e son 21 plantas, así que decidimos inspeccionar un pouco para ver as vistas. É incrible o fácil que podes meterte dentro dun hotel poñendo cara de turista durante 2 minutos. Entramos no ascensor e subimos a varios pisos para ver as vistas. Incrible a propia cidade, ten unha cor chulísima. Cando collimos o ascensor para baixar, entrou tamén unha rapaza en bañador, e decidimos seguila á piscina. Chegamos e tumbámonos por alí, pero facía tanto calor que decidimos meternos na auga [Nótese, iamos con roupa, non con bañador]. A ver se poño unha foto cando as pase ó PC dende a cámara.

Unha vez marchamos do hotel, paseamos pola Habana un ratiño. Só unha idea xeral de onde está a Residencia e as Facultades, cales son as rúas máis importantes e onde están as paradas dos buses.

A eso das 6 da tarde volvimos para casa, máis dunha hora de traxecto (fixemos a liña completa do autobús), polo que puidemos ver varios barrios. É absolutamente flipante ver cada parede pintada cas súas consignas ou co logo do CRD ou UJC. Cando vaia tendo unha colección de fotos ireinas subindo!

|