Archivo de la Viaxes categoría

Fin da viaxe!

De novo en Lima, mañá saio para a Habana, a viaxe finalmente foi así:
Lima - Ayacucho - Wari - Quinua - Cusco - Aguas Calientes - Machu Pichu - Copacabana - Illa do Sol - La Paz - Lima
Unha viaxe de 30 horas de autobús de La Paz a Lima, onde me puxeron Transporter, Transporter II e Transporter III seguidas. Despois videoclips de Julieta Venegas. Está claro que os peruanos saben de tortura psicolóxica!
A partir destos días comezarei de novo a postear como antes, e contestarei os correos un pouco máis rápido.

La Paz!

Despois duns días desaparecido do mundo, viaxe de Cusco a Bolivia para coñecer o lago Titicaca, parando un día en Copacabana e outro na Illa do Sol.

Nestos momentos xa estou pola Paz, unha cidade realmente interesante!

Continuación da viaxe!

Por fin saimos de Lima (síntoo moito, pero se estou un par de días máis na cidade pégome un tiro, demasiado caos) dirección Ayacucho. Coñecida por ser o lugar onde o exército de Sucre venceu ós colonizadores españois en 1824, polas ruínas dos Wari e por ser onde Abimael Guzmán estudou, foi profesor e finalmente se levantou con Sendero Luminoso. Unha cidade pouco turística e moi tranquila.
As últimas 22 horas paseinas nun autobús Ayacucho - Cusco, a onde chegamos fai un rato. Xa temos onde durmir e coñecimos uns arxentinos moi agradables. Os próximos días serán para descansar, pasar fin de ano, e o día 2 será o da viaxe a Machu Pichu.

Nadal!

A noite do 24 paseina na Praza de Armas, en Lima, con outras 10 persoas do hostal de diferentes partes do mundo.

Mañá marcho posiblemente cara Nazca!

Dende o Perú!

Como algúns xa sabiades, decidín facer unha pequena escapada de Cuba este Nadal, e onte recibiume a terra de Mariátegui, por onde vou estar os próximos 15 días.
Posiblemente vexa reducida (aínda máis) a miña actividade no blog, pero tentarei polo menos subir algunhas fotos e un pouco de información sobre un dos últimos reductos neoliberais do Sur de América.
A xente que me escribe correos, xa vistes que agora estou contestando menos que de costume. Tiven bastante actividade na Facultade e na beca a última semana (engadido ós preparativos da viaxe) polo que case non puiden conectarme (teño pendente un post sobre Internet en Cuba, prometido!), de aquí os retrasos. Como tampouco trouxen o portátil vai ser case imposible que conteste correos nos próximos 20 días.
O que sí, espero polo menos poder ler as novas que me ides mandando.
Un saúdo moi forte e boas vacacións para todos!

Cienfuegos

Esta fin de semana viaxei á cidade de Cienfuegos. É a capital da provincia homónima, situada no centro da illa. Con menos de 140.000 habitantes, esta cidade fundada por colonizadores franceses a comezos do século XIX presenta un dos cascos históricos máis importantes de Cuba, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO. Pasear por Cienfuegos dá unha visión diferente da arquitectura cubana, xa que a cidade está chea de pequenas casas coloniais francesas, algo que non é moi común ver noutras cidades do arquipélago.
A miña viaxe comezou o Venres á última hora da mañá, cando collín o autobús que me levaría á cidade. A viaxe foi de pouco máis de 4 horas, sen complicacións. Outra vez a parada de rigor na mesma área de servizo de sempre, á que xa lle estou collendo cariño. Dentro do propio autobús acercóuseme unha señora para ofrecerme unha casa particular na que podería quedarme se me interesaba. Regateamos un pouco e ó final aceptei (saiume un pouco caro, pero o almorzo ía incluído, e menudo almorzo!), así era unha cousa menos na que tiña que pensar ó chegar á cidade.

Ver resto de la entrada »

Santa Clara e segundo concerto de Manu Chao

O Domingo pola mañá espertamos ben cedo pra sair cara a Habana. Ás 6 da mañá collimos a nosa máquina (esta vez sen problemas de cola) e saímos de Güines. En menos dunha hora estabamos xa na cidade, e marchamos cara La Coubre, a terminal de autobuses que se encarga de dar viaxes en lista de espera.

Ver resto de la entrada »

Güines

Esta fin de semana Edel (un rapaz da miña beca que estuda microbioloxía, e vive na habitación 03 da miña área) invitounos a min e a Lucía á súa casa, nun pequeno povo de Provincia Habana, a uns 50 kilómetros da cidade, chamado Güines.
Tiñamos que marchar o Sábado pola mañá todos xuntos, pero a última hora Edel avisounos que tiña que facer uns recados na Habana, e chegaría pola tarde, que nós fosemos á casa dos seus avós (onde vive) e estivésemos con eles, que tampouco se ía retrasar moito. A esto das 11 saímos da beca (ó día anterior fomos ó concerto de Manu Chao, así que non tivemos presa por madrugar…), e collimos unha guagua para chegar á outra esquina da Habana, dende onde saían os transportes para Güines. Non hai guaguas para esos povos de Provincia Habana, así que o que se utilizan son máquinas (coches dos anos 50 que funcionan como taxi a baixo prezo). O sistema é simple: ti chegas ó punto de saída das máquinas, preguntas na cola que se forma quen é o último para saber cal é o teu turno, e cando ves que chega unha máquina comezas a correr para intentar colarte o máximo posible. Pero nós non sabiamos a última parte! Estivemos como hora e media alí mirando como a xente se volvía tola cando aparecía un dos coches para intentar entrar neles. Unha señora montounas porque se acaba de colar moita xente e ela perdera o seu sitio, así que non deixou sair máis máquinas. Montouse un cristo enorme! Obrigou a baixar a todo o mundo e a volver a subir todos en orde. Ó final a señora non entrou, pero bueno, polo menos púxose un pouco de orde! O señor que controla que todo funcione ben (un tipo que leva chaleco vermello pero que non fai nada máis que dicir o destino, realmente…) veu que se desmadraba demasiado e deunos numeriños a todos. Así xa se faría todo moito máis fácil! Ver resto de la entrada »

Chegada a Habana

Música: Banda Bassoti - Que Linda es Cuba, Cuba si-Yankees no

O taxi que nos levaba á Residencia tiña que atravesar case toda a cidade. Respeto incrible polas sinais de tráfico: iamos a 80km/h nunha avenida vacía e en moi boas condicións, porque era o límite. Raro ver esto en Galiza. Sinais de PARE. Tamén chaman moito a atención os carteis que hai por todas partes. En Galiza veríamos publicidade de Zara, Lacoste ou Coca-Cola, a cartelería aquí é unha alegoría á Revolución. Trata temas moi diversos: o embargo económico, a paz, a ausencia de pobreza, os 5 de Miami, o apoio a Venezuela, a muller…Vale a pena miralos todos pra ver o que din. Pasamos pola Praza da Revolución, realmente póñense os pelos de punta polo enorme da plaza, e do emotivo da estatua ó Che. Aquí comezamos a falar co taxista, que se enorgulleceu de dicir que ía haber un concerto de Juanes proximamente na praza. Preguntei se ó final se ía dar o concerto, porque houbera moito polémica en Miami por vir aquí. O taxista comezou a rir e dixo “en Miami son 3 gatos”. Comezamos a falar de música e deporte. É evidentente que o deporte nacional é o beisbol, pero é común falar de outros moitos deportes. O taxista sabía quen gañara a Supercopa de España, como fora o resultado e como se organizaba a competición. Case máis que nós! Dá a sensación de que en Cuba a xente está moi informada, e vese claramente que lles interesa saber cousas que pasan no exterior.

Aproximadamente á 01:15 chegamos a 12 & Malecón. A través dunha rapaza que estivo o último semestre do curso pasado na Habana, ó chegar podiamos contactar cun profesor da Universidade, que á vez é encargado da Residencia. Preguntamos por el á seguridade da Residencia, que o chamaron pra que nos atendese. Mentras esperabamos estivemos un pouco con eles, onde tiveron unha divertida conversa sobre se viñamos dende outra cidade cubana ou do exterior polo tipo de taxi. Moita calma, tranquilidade e bo roio. Un dos gardas trouxo unha silla pra nós, só polo detalle.

ö pouco xa fomos recibidos, e comezaron os imprevistos: Fai unhas semanas detectárase un posible brote de epidemia na nosa Facultade. Dende ese momento comezaron controis exaustivos sobre a situación, moi extrictos polo grave do problema. Ademáis, dos días 24 a 28 realízase a inscripción universitaria, polo que a Residencia estaba até arriba de traballo. Como son moi posibeis as inspeccións sobre a situación dos estudantes estranxeiros, tiñamos un problema: A nosa situación dentro da Residencia é alegal, xa que somos estudantes da Universidade da Habana, pero non temos aínda nen carnet de estudante nen o permiso de residencia que nos mostre como tales. O único que temos é un compromiso de estudos e un visado de 30 días semellante ó de turista. Para evitar problemas, o profesor díxonos que non nos preupáramos de nada: “No os vais a quedar botados en este país”, e dixo que podiamos vivir na súa casa pra non ter que pagar unha casa particular mentras non rematen os trámites. Incrible, realmente incrible. Que apareza un Erasmus no Burgo a ver se alguén o mete na súa casa por problemas co papeleo.

Así, chamamos un taxi, que nos levou á súa casa, á que chegamos pasadas as 02:00 hora cubana. O que facían unhas 22 horas sen durmir, e non daba pra moito máis. Deunos unha cama a cada un, el durmiu nun colchón no salón (hai que foderse!), e até o día seguinte.

Viaxe de ida

Ás 10 da mañá facturei a miña maleta en Compostela pra chegar a Madrid. Viaxe sen problemas, típico de Ryanair, nos cales tes que facer cola durante media hora e despois pegarte con señoras por un asento cerca da saída. Sentei na última fila pra sair pola parte de atrás dos primeiros, pero só puxeron escaleiras por diante. Que sorte.

 Despois de recoller a maleta sen problemas (o cal xa se agradece), collín o transporte interno do aeroporto pra desplazarme da T2, á que acababa de chegar, á T1, a Terminal dende a que sairía o avión á Habana. Teño que recoñecer que o aeroporto funciona sen maiores problemas, pra ser un macrocomplexo como Barajas.

 Ó chegar á T1 coñecín a Lucía, tamén estudante da USC, ca que viaxarei a Cuba. Despois de comer no aeroporto puxémonos na cola pra facturar á Habana. Chegamos ás 14:30, e xa había unha cola enorme. Buscamos o final na fila e estivemos esperando ó noso turno até as 16:20. Chegamos a unha especie de control de seguridade sobre os billetes e o visado. Aquí tivemos o primeiro problema: non nos querían deixar embarcar porque non tiñamos mercado un billete de volta: “Si no teneis vuelta no se puede ir”. Dixemos que eramos estudantes, acreditámonos como tal (graciñas por tanto papel, ORE!) e despois duns trámites de 10 ou 15 minutos dixéronnos que podiamos pasar. O problema foi que perdemos o sitio na cola, e tivemos que poñernos de últimos pra facturar. Ó chegar ó mostrador, o rapaz que nos atendía (bastante amable, por certo) díxonos que había overbooking, que tiñamos que esperar pra ver se había sitio pra nós. Despois de 10 minutos bastante caóticos, onde unhas 12 persoas estabamos alí sen avión, comezaron a facturar de novo algunhas plazas, que non foron pra nós. O único que nos ofreceron era que fose só un. Decidimos non separarnos, e quedamos 4 persoas en terra.

 Tivemos a sorte de que un avión que saía cara a Habana á mesma hora que o noso tivo problemas ca chegada da ruta anterior e tivo que retrasarse 4 horas, así que ás 20:30 conseguíronnos unha plaza no avión Madrid - La Habana con AirComet. Facturamos (agora si!), e pasamos os controis de seguridade. Como tiñamos 2 horas mortas, puxémonos a rexistrar as tendas libres de impostos, probando polos Lacoste, perfumes e gorros de muller. Pode ser un pasatempo realmente divertido nun momento como ese.

 Marchamos cara a porta de embarque, e alí apareceu un rapaz que vive na ventana de diante da miña casa en Compostela, que ía de vacacións cos seus pais a Cuba. Tamén é casualidade. Embarcamos sen máis problemas, nun Airbus A330, o avión máis grande no que estiven nunca, de 8 prazas por fila, con pantallas en cada asento, e demáis miscelánea non moi necesaria, pero que pra un voo de 9 horas nunca está mal.

 O voo que tiña que coller inicialmente (o de Cubana de Aviación) facía unha parada en Santiago de Cuba, polo que a duración da viaxe sería dunhas 12 horas. Sen embargo, este voo é directo á Habana, polo que en 9 horas deberíamos estar alí. O máis interesante é que estou vivindo o anoitecer máis longo da miña vida. Estamos indo na mesma dirección que o Sol, pero un pouquiño máis despacio, polo que saímos de día e pouco a pouco estase facendo de noite. Dende o momento en que comezou a desaparecer, o Sol estivo máis dunha hora no horizonte. Realmente espectacular [Estou escribindo isto á 01:01 hora galega, espero rematar co resto da viaxe, que aínda non vivín, mañá pola mañá]

 Música: Nine Inch Nails - Right Where it Belongs

 Pasaron case 24 horas dende que escribín o que acabades de ler. Son as 18:09 hora cubana (11:09 hora galega).

 O voo pasou sen demais sobresaltos, déronnos comida e pasaron con taciñas de café 3 veces ó longo do traxecto. Chegamos ó aeroporto ás 11:42 e desembarcamos. Primeira sensación: calor. Segunda sensación: humidade.

 Atravesamos un par de salas pra chegar ó control de visados. Tivemos que cubrir un papel que nos acredita como estudantes, e sen máis problemas recollimos as maletas. Dixéronnos varias veces que os trámites no aeroporto duran como 2 horas, así que iamos mentalizados pra ter que esperar. En 20 minutos estabamos cas maletas na porta do aeroporto José Martí. O funcionamento é moi bo, a xente está moi organizada e non se forman colas. As maletas xa estaban esperando por nós cando rematamos os trámites, así que non tivemos problema algún.

 Á saída buscamos unha CADECA (Casa de Cambio) e conseguimos os nosos primeiros pesos cubanos convertibles (C.U.C., en adiante). Aínda non temos peso cubano, espero poder cambiar esta noite ou mañá pola mañá. Espero escribir un post específico sobre o sistema monetario cubano, que ten unhas particularidades moi interesantes.

 Conseguimos un taxi e pedímoslle que nos levara a 12 & Malecón, a que en principio sería a nosa Residencia. En principio…