Está visitando los archivos de la categoría Vida en Cuba.
| L | M | M | J | V | S | D |
|---|---|---|---|---|---|---|
| « Ago | ||||||
| 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | ||
| 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 |
| 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 |
| 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 |
| 27 | 28 | 29 | ||||
- Actos Oficiais (18)
- Blog (14)
- Cine (5)
- Economia (6)
- Educación (11)
- Fotos (28)
- Historia de Cuba (14)
- Imperialismo (14)
- Libros (12)
- Música (7)
- Personaxes Históricos (7)
- Presentación (2)
- Residencia (13)
- Sanidade (2)
- Sistema Electoral (3)
- Trámites (3)
- Viaxes (22)
- Vida en Cuba (21)
- Xornalismo (11)
- 30. Agosto 2010: Novo blog sobre Cuba!
- 21. Julio 2010: Nun camello!
- 16. Julio 2010: Centro Galego da Habana
- 12. Julio 2010: Medios de transporte (II): Transporte interprovincial
- 9. Julio 2010: Rematei os exames!
- 6. Julio 2010: Medios de transporte (I): Transporte urbano
- 5. Julio 2010: Posts do mes de Xullo
- 1. Julio 2010: Viaxe a Las Tunas
- 22. Junio 2010: Matrículas
- 21. Junio 2010: Problemas no teclado
Blogroll
Archivo de la Vida en Cuba categoría
Eleccións parciais ás Asembleas Municipais do Poder Popular
30. Abril 2010 by Outes.
O pasado Domingo 25 (cando se cumplían 8 meses da miña chegada a Cuba), realizáronse as eleccións parciais ás 169 Asembleas Municipais do Poder Popular que hai no país.
Dadas as particularidades do sistema electoral cubano, vou ver se dou feito unha especie de mini-análise sobre como se realizan. En Cuba o sistema electoral non é multipartidista (non existen partidos políticos fóra do Partido Comunista de Cuba), as eleccións son directas, a idea é buscar un modelo de democracia participativa ante o modelo burgués de democracia representativa (que é o que nós coñecemos).
Publicado en Vida en Cuba, Actos Oficiais, Sistema Electoral | Ningún comentario »
Vocabulario Cubano II
5. Abril 2010 by Outes.
Seguindo ca serie de posts sobre vocabulario cubano (que tiña olvidado, por certo), fago a segunda actualización.
yale = fechadura. Unha das palabras máis raras que atopei até agora. Ninguén sabe de onde procede, e utilízana indistintamente con “llavín”.
pila = grifo. Palabra que ó principio trouxo bastante confusión, porque para min (correxídeme se me equivoco) a pila é onde cae a auga, non o propio grifo. Cando me dixeron que a pila se estropeara imaxinaba que se nos caera medio lavadeiro, e só era que se rompera o grifo!
tirafondo = tornillo. Dende fai uns días estamos arreglando unhas cousas na habitación, e tamén foi unha palabra que utilizamos bastante. De tódolos xeitos xa a tiña escoitado nalgún momento. Alguén sabe se se utiliza en galego ou algo?
afiche = póster. Tamén palabra típica en toda América Latina. Entenden a palabra póster, pero nunca a vas escoitar.
chamaco = chaval. Unha das palabras que máis me gusta. Podes escoitala de múltiples formas, pero o normal é “chamaco” cando se fala dalgún coñecido que non é amigo teu, ou “chamaquito” cando se fala dalgún neno. Dito por un cubano é unha palabra que soa moi ben. Utilízase moito cando se fai deporte e non coñeces o nome da xente, máis ou menos como nós decimos “chaval”, “rapaz” ou “tío”.
jevo/a = mozo/a. Outra palabra que se utiliza moitísimo e con múltiples variedades. É moi normal escoitar a palabra “jeva” (supoño que se eu fose muller escoitaría moito a palabra “jevo”) sempre que se fala da parella de alguén, pero tampouco se utiliza soamente para iso. Moita xente tamén a usa en sentido xeral para falar de alguén; unha variedade moi común é “jevita”. A frase vai no sentido de “esa es la jevita de aquel chamaco”, ou simplemente “mira esa jevita”. É unha palabra bastante curiosa, realmente!
mangón = guapo / cachondo: Outra palabra que non ten moito sentido para nós, pero que é bastante común, sobre todo entre rapazas. Seica a orixe é de “mango”, porque primeiro decíase de alguén moi guapo que era un mango. Pero evolucionou até “mangón”, como que debes estar realmente bo. Non sei se nuns anos se dirá “mangonazo” ou algo, pero tampouco me extrañaría demasiado…
Publicado en Vida en Cuba | 4 comentarios »
Final da Liga Nacional de Pelota 09/10
1. Abril 2010 by Outes.
Onte celebrouse o último partido da final da Liga Nacional de Pelota (Baseball). Despois de 6 partidos, finalmente foi Industriales (o equipo forte de Ciudad Habana) quen venceu a Villa Clara, nun partido de 4 horas que incluso tivo 10º inn. Dise que foi das mellores finais da historia.
O particular do conto é para falar de como a xente se volve tola ca pelota. Hoxe a xente da capital estaba máis contenta do normal. Todo o mundo vestía de azul (a cor de Industriales), na Facultade os profesores berrábanse uns a outros sobre o partido, e na rúa non hai outro tema de conversación. Sería Barcelona ó día seguinte de gañar a Copa de Europa multiplicado por 100. O 5º partido (o último que se xogou na Habana) reuniu a máis de 59.000 persoas no Estadio Latinoamericano, sendo o partido cun maior número de espectadores no estadio da historia da Liga Nacional Cubana. É incrible como TODO o país se puxo a disposición da puñetera final, dende fai unha semana é complicado falar doutro tema! Para quenes non temos nin idea de baseball faise raro, pero realmente acabas contaxiado. Pola miña parte, estaba con Villa Clara (por diferentes motivos Industriales non me cae nada ben), así que hoxe foi unha humillación constante de parte de todo o mundo. Non me explico como a xente se pon tan tola!
Así que nada, parabenizar ós insdustrialistas, e a ver que pasa o ano que vén!
Publicado en Vida en Cuba | 2 comentarios »
No Parque Lenin!
30. Marzo 2010 by Outes.

En Europa se queres ir a un parque de atracción irías a Port Aventura. En Cuba, vas ó Parque LENIN. O Domingo pasei por alí o día a ver o que había e que tal estaba, e bueno, está ben para pasar un día no que non hai nada que facer!
Realmente o parque é bastante cutre, o máis destacado son unha montaña rusa (que é unha viaxe de menos dun minuto, pero mola moito igualmente!) e os coches de choque. Os prezos son populares: a entrada custa 1 peso cubano (0,03€), e montar nas atraccións varía. O máis caro é a propia montaña rusa, que custa 6 pesos cubanos (0,18€).
Alí hai un montón de oferta de comida, así que podes pasar o día sen ter que levar nada, porque o problema real do parque é chegar. Nós, que vivimos case no centro da Habana tivemos que coller 2 guaguas até case a última parada de cada unha para dar chegado, máis dunha hora de viaxe. O bo diso é que estás no medio da nada e hai espacios verdes enormes onde a xente vai facer churrasco ou cousas así para pasar o día.
Tamén hai un mausoleo a Celia Sánchez (unha das máis destacadas revolucionarias cubanas, morta fai 20 anos) e o monumento a Lenin da foto!
Publicado en Vida en Cuba, Fotos | 6 comentarios »
Inundacións na Habana!
5. Marzo 2010 by Outes.
Despois dunha noite de treboada..Pola mañá vimos isto
E así rematou!

-1 para o sistema de alcantarillado cubano!
Publicado en Vida en Cuba, Fotos | 4 comentarios »
Cuartelería
9. Febrero 2010 by Outes.
Outra particularidade da miña beca é que non hai ninguén contratado para a limpeza, así que para manter o orde os estudantes teñen que facer cuartelerías. Tocoume fai pouco unha, así que vou explicar máis ou menos o que é:
Unha cuartelería faise entre 2 habitacións, así que en principio debedes ser 12 persoas. A non participación dunha cuartelería supón unha falta grave no regulamento da beca, así que podes chegar a ser expulsado por incumplila, e é un dos moi poucos motivos polos que estás exento de ir a clase.
Ás 8 da mañá hai que presentarse na oficina de Educativo, e cando chega todo o mundo, divídese o traballo. A metade terán limpar un edificio, e a outra metade o outro. Comézase limpando o patio do 3º piso (que comunica os dous edificios). Como algúns estudantes son do xénero tonto, en lugar de tirar as cousas nunha papelera, tiran as cousas polas ventanas, así que durante esa limpeza podes atopar comida, papeis, uns zapatos vellos ou condóns usados. Despois hai que baixar e limpar a cuadra, do que non se encarga a limpeza da cidade
Cando se remata co patio (tardas máis ou menos unha hora), tes que volver a Educativo para que che asignen a limpeza dos edificios. Cada grupo ten que barrer os 20 pisos, e limpar algúns con auga. Máis ou menos ás 11:30 rematas con esta parte da limpeza.
Aquí danche o primeiro receso, até as 13:00, e unha pequena merenda (un pan e iogurt para beber). Podemos ir almorzar e descansar un rato, para que se nos asignen os turnos de garda para a tarde. Ás 14:00, 16:00 e 18:00 todos teñen que estar de novo no piso 3 para manter a limpeza, e asígnase unha garda por parella de unha hora entre as 13:00 e as 20:00. Ás 20:00 todo o mundo baixa de novo para firmar como cuarteleiro, e rematas o traballo.
Publicado en Vida en Cuba, Residencia | 4 comentarios »
A visión do terremoto de Haití dende Cuba
14. Enero 2010 by Outes.
Nunha das escalas da viaxe Lima - La Habana entereime do terremoto que acababa de producirse en Haití. Despois de chegar ó destino final busquei informarme algo do que pasaba en Cuba (en especial no Oriente) pola cercanía entre ambos países.
Máis de 30.000 persoas foron evacuadas nas provincias de Santiago de Cuba e Guantánamo cara zonas altas cercanas ás súas residencias ante un perigo de tsunami. Esto fíxose na hora seguinte a que se producise o terremoto, e finalmente o aviso de que xa non había risco de que éste ocorrese chegou pouco máis das 18:00 (hora local), así que a xente estivo fóra das súas casas menos de dúas horas. Defensa Civil xa non mantén a alerta ante o perigo de algún tipo de desastre neste aspecto, e parece que a posibilidade de réplicas que poidan afectar á illa son mínimas.
Por outra banda, hoxe (Xoves 14), as noticias que abrían Granma e Juventud Rebelde eran sobre os colaboradores cubanos en Haití. Informábase de que todos os cooperantes se atopaban en boas condicións, con só dous feridos leves, pero que un estudante de Contabilidade e Finanzas que estaba a realizar un Posgrao en Porto Príncipe foi atopado en estado grave, e xa é atendido por médicos cubanos. Estos cooperantes son 152 persoas, que se atopaban no país antes de que sucedese o terremoto, ofrecendo servizos a través de diversas Brigadas Internacionalistas cubanas (brigada médica, de educación, etc). Os médicos cubanos instalaron un hospital de campaña, e dende o Mércores unha brigada de choque para desastres naturais saiu do país e xa está operando en Haití. Interesoume saber a axuda internacional que estaba chegando, porque a CNN+ estaba informando o Martes que en USA xa se estaba debatindo enviar axuda ó país, e incluso o alcalde de New York pensaba enviar cooperantes. Finalmente, parece ser que enviaron a 30 efectivos de diversos campos, como inxeñeiros e expertos en comunicación. Mirando un pouco, e utilizando unhas pobres matemáticas, parece ser que a cantidade de efectivos enviados dende USA, Canadá e a Unión Europea é menor á cantidade de cubanos en Haití ANTES do terremoto. Que vergonza vivir no primeiro mundo.
Polo demáis, moitísima expectación a ver que pasa con Haití. A ver en que remata isto…
Publicado en Vida en Cuba, Actos Oficiais, Xornalismo | Ningún comentario »
Vocabulario cubano (I)
18. Diciembre 2009 by Outes.
Dende fai un tempo tiña pensado facer un post así con algúns cubanismos, que me trouxeron máis dun problema no seu momento
Yuma = estranxeiro: Cando falan dos estranxeiros utilizan a palabra “yuma”. Non teño nin idea de onde vén, pero eu son un yuma. Para falar dos Estados Unidos moitas veces din o Norte, así que a primeira semana, até que me din conta, cando alguén dicía “Eu coñezo a un que marchou ó Norte” pensaba que o tipo marchaba cara Noruega ou Suecia. O eurocentrismo ten esos problemas!
guajiro = campesino: Durante as guerras de independencia a maioría dos combatentes eran traballadores do campo, e tamén os que loitaban con máis dureza. De aquí que os yankis rematasen por chamalos “war hero”. En cubano eso rematouse dicindo guajiro
zorra = pilla: Tamén é típico en Galiza dicir que eres un zorro para dicir que eres bastante traste ou pillo. Pero aquí non ten ningunha outra connotación. Foi moi divertido cando un amigo, o mesmo día que coñeceu a Lucía, non sei por que, díxolle “Pero que zorrilla eres”. Case lle rompe os dentes antes de darnos conta do malentendido
beca = residencia: Non sei por que se lle chama beca á residencia, pero a gracia é que un “becado” é aquel que está nunha beca. Aquí non ten sentido falar de becado como a persoa á que o Estado lle dá diñeiro, porque todo o mundo estuda gratis. É un termo importante ó principio, porque moitas veces non sabes moi ben por que utilizas esa palabra, xa que eu son becado porque me paga o Estado e becado porque vivo nunha beca. Dá problemas sobre todo co papeleo.
aragán = fregona: Aquí non existen as fregonas (só vin unha nun hotel unha vez), así que utilizan un pao que parece para xogar ó hockey e ó final poñen un trapo para recoller a auga. A esto chámaselle aragán. Até que me din conta de como se chamaba a merda esa moitas explicacións lle tiven que dar á xente da área sobre paos de hockey e trapos colgando.
guagua = autobús: a xente sabe o significado de autobús, pero nunca, absolutamente nunca utilizan esa palabra. Non sei de onde vén o de guagua, pero é das palabras máis míticas que escoitas en Cuba
¿Que volá, asere? = ¿Como estás, colega?: Esa é a traducción máis parecida que se me ocorre. “Asere” é o que di todo o mundo para chamar a alguén, e utilízase dun xeito semellante a como nós dicimos “tío”. É graciosísimo escoitar estranxeiros dicilo. Un día xogando un partido de fútbol un vietnamita enfadouse cun cubano e comezou a dicir “asere” como 400 veces por segundo para dicirlle que parase de empuxalo. O de “que volá” tampouco teño nin idea de onde saiu, pero tamén está institucionalizado.
Publicado en Vida en Cuba | 2 comentarios »
Un día calquera na Habana
18. Noviembre 2009 by Outes.
A proposta dunha boa amiga, vou facer unha especie de resumo do que fago un día normal en Cuba:
06:50: Espértome escoitando Nao - Rosalía. Esta é a función esencial que ten o meu móbil.
07:15: Despois de vestirme e organizar a habitación, baixo ó comedor para almorzar. Dannos case todos os días un vaso de iogurt (que está riquísimo, por certo) e un pequeno bocata, que xeralmente é de queixo, aínda que a veces é de croqueta. Hai algún día que o pan vai con pan, pero eso só pasou 3 ou 4 veces. Agora haberá xente que se preguntará: bocata de queixo? Pero se odias o queixo! Efectivamente, o queixo non me gusta nada, pero se nos dan un bocata de queixo, hai que aproveitalo.
07:30: Chego á parada de autobuses máis cercana á beca. Alí estamos unha morea de estudantes, así que as guaguas son auténticas latas de sardiñas. Despois de pelexarse con microbiólogos ou filósofos por un sitio, diríxome cara a miña Facultade. Cada liña de guaugas pasa cada 10 minutos como moito, e a min sírvenme 4 diferentes, así que o problema é conseguir entrar na guagua, non que non pase ningunha. É sorprendente coller un bus ás 8:10, que vai case vacía, cando ás 7:45 é todo unha loita coller unha.
08:00 - 11:30: Clase. Depende o día, pero xeralmente pola mañá teño só 2 turnos.
11:30: Saio da Facultade e vou ó comedor estudantil Machado. A comida é moito mellor que na Beca, así que se agradece comer por alí. Por suposto, tamén é gratis.
12:00 - 15:00: Hai varios días que teño 3 horas mortas antes da clase da tarde, así que marcho á biblioteca facer o que teña que facer para clase, estudar ou ler. A principio de curso había aire acondicionado, pero seica a Facultade superou os plans de consumo enerxético e quitárono. Un auténtico forno. Sen embargo, a cantidade de literatura económica (a quen non lle guste ese termo, mala sorte!) que hai é enorme.
15:00 - 16:30: Outro turno de clase
16:30: Guagua para a beca. Non hai problemas a estas horas e viaxas bastante ben.
17:00 - 19:00: Dependendo o día, vou correr, xogar a baloncesto ou a algún acto cultural. Se vou correr, diríxome a 5ª, tamén coñecida como Avenida das Américas, unha rúa longuísima na que hai moitísimas embaixadas. Especial mención á embaixada de Vietnam, que é preciosa, e á de Angola, que ten fóra unha foto de Agostinho Neto sorrindo. Se vou xogar a baloncesto, quedo polo Campus Universitario, e vou ó CEDER (o estadio universitario), con varios cubanos, unha rapaza alemana e outra suiza e un austríaco xogar. Normalmente somos como 5 persoas, aínda que non sempre os mesmos, e alí a veces hai máis xente xogando. Se ese día non fago deporte, o normal é ir ó cine, se hai algún concerto ou obra de teatro igual deixo o cine para outro día.
19:00: Volvo á Beca e ceo.
19:30: Doume unha ducha. Parecía que se resolveran os problemas ca auga e case non tiñamos cortes. Todo foi comezar a pensalo e o Domingo ás 12 da mañá cortaron a auga. Escribo isto o Luns ás 21:43, e non hai auga aínda. Se non hai auga nas habitacións, o que hai que facer é baixar á cociña (piso 3), cos cubos para enchelos alí e subilos. É unha boa medida para que a xente se dea conta de que non se debe malgastar a auga.
20:00 - 23:00: Sempre hai alguén pola área, e moita xente cociña, así que estas horas o normal é vaguear algo por alí perdendo o tempo. Se me conecto a internet, soe ser a estas horas. A iso das 21:00 ou as 22:00 póñome a estudar ou ler de novo.
23:30: A durmir
04:00: Esto non pasa sempre, pero bueno, está ben poñelo: chega algún dos compañeiros de habitación e esperta ós demáis. Levantámonos os demáis e berramos. Tivemos mala sorte cun par de compañeiros, e isto pasa un par de veces á semana como mínimo.
04:10: Durmindo de novo
Publicado en Vida en Cuba | 8 comentarios »
Algúns datos sobre Cuba
8. Septiembre 2009 by Outes.
Poboación: 12 millóns de habitantes
Cuba non é unha illa, é un arquipélago formado por máis de 500 illas!
Extensión: 110.860 km²
Esperanza de vida: 78 anos
Huso horario: -7
Tasa de alfabetización: 97% [Declarado páis libre de analfabetismo]
Capital: La Villa de San Cristóbal de la Habana
Moeda: peso cubano e peso cubano convertible.
Tipo de cambio: 1 peso cubano convertible = 25 pesos cubanos. 1€ = 1.3 pesos cubanos convertibles
Relación médico / paciente: 170
Chegada de Colón á illa: ano 1492
Chegada de primeiros esclavos: ano 1522
Abolición da escravitude: ano 1886
Publicado en Vida en Cuba | 12 comentarios »